Besteiro marca como metas da nova executiva do PSdeG pór o foco na economía e facer que Galicia gañe "peso"

867549.1.260.149.20240502194825
Vídeo de la noticia
José Ramón Gómez Besteiro xunto á nova Executiva do PSdeG - EUROPA PRESS
Publicado: jueves, 2 mayo 2024 19:48

   SANTIAGO DE COMPOSTELA, 2 May. (EUROPA PRESS) -

   O PSdeG reuniu este xoves por primeira vez á nova executiva conformada en torno ao secretario xeral, José Ramón Gómez Besteiro, que marcou como obxectivos desta etapa para os socialistas galegos pór o foco na economía e a creación de emprego "de calidade" e facer que Galicia gañe "peso" no conxunto do Estado.

    Así o destacou en declaracións aos medios após a primeira reunión da executiva do PSdeG saída do Congreso Extraordinario celebrado o pasado domingo en Santiago no que Besteiro foi proclamado como novo líder dos socialistas galegos.

    Este xoves, no que o PSOE celebra o seu 145 aniversario, Besteiro expresou o "orgullo" dos socialistas pola súa historia e a confianza que teñen no futuro da organización, á vez que debullou as principais liñas sobre as que quere incidir a executiva saída do proceso interno.

    A primeira delas, como apuntou, é pór o acento na economía e o emprego desde o convencemento de lograr "unha sociedade con máis emprego e de máis calidade" para mellorar a "calidade de vida" dos galegos.

    Neste sentido, mostrou a súa preocupación polos datos que sitúan a Galicia "entre as comunidades autónomas con menos crecemento" en termos de PIB, o que supón que se perden "oportunidades" e "impulso".

    Ademais da economía, Besteiro tamén situou entre as prioridades da nova etapa dos socialistas galegos defender os servizos públicos como a atención á dependencia, a educación ou a sanidade; que definiu como "grandes conquistas" que, di, teñen "marcado carácter socialista".

   O "futuro" de Galicia en asuntos como o autogoberno, o financiamento autonómico e local e "o peso" da comunidade no Estado será outra das preocupacións, como remarcou Besteiro, da executiva, que pon a vista a curto prazo nas eleccións europeas de xuño.

    Unha cita na que estarán en xogo "cuestiones relacionadas co agro, coa gandaría, a pesca, a industria ou a transición enerxética", asuntos que "se deciden en Europa" e os socialistas queren "que estean na axenda de Europa nos próximos anos".

    Por último, Besteiro tamén se referiu á celebración da conferencia política que o PSdeG prevé celebrar no outono, na que se "redefinirá" o "proxecto" do PSdeG.

Contador