O BNG activa unha rede de concelleiros contra a mina de Touro e esixe a Feijóo que "escoite"

Concellos Bng Contra Mina Touro, Novo Corcoesto
BLOQUE NACIONALISTA GALLEGO
Actualizado: martes, 12 diciembre 2017 15:18

   SANTIAGO DE COMPOSTELA, 12 Dic. (EUROPA PRESS) -

   O BNG porá en marcha unha rede de concelleiras "en alerta" contra "o novo Corcoesto" da mina de Touro, que os nacionalistas consideran "unha bomba para o medio ambiente". O Bloque tamén demanda ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, que "escoite" e ao seu Goberno que free o que consideran "un megaproxecto expoliador".

   A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, e o deputado Xosé Luís Rivas, anunciaron en rolda de prensa a activación desta rede de edís dos concellos afectados por esta iniciativa de Explotaciones Gallegas, que aspira a recuperar a produción de cobre na canteira.

   O labor desta rede será "de alerta" e "seguimento", así como de informar o conxunto dos cidadáns sobre "que se esconde" detrás deste proxecto, "a que intereses beneficia" e "cal é o seu elevadísimo custo ambiental, económico e social". Non en balde, Pontón augurou que "destruirá miles de postos de traballo".

   E é que tanto a líder do Bloque como Rivas incidiron na contaminación e a afección ao río Ulla, así como as consecuencias que podería ter para a actividade pesqueira da ría de Arousa. "Expolia os nosos recursos, non deixa beneficios e revela o noso país case como unha colonia", resumiu o deputado.

   Pola súa banda, a tenente de alcalde de Rianxo, Adelina Ces, advertiu que a súa localidade vive "do mar" e alertou da afección que o proxecto de Touro podería ter para a actividade pesqueira. Xan Louzao, de Touro, incidiu en que o seu municipio xa coñece as consecuencias dunha mina e de como "30 anos despois segue contaminando".

   E todo iso, engadiu o responsable local, "a cambio de moi poucos postos de traballo, temporais e precarios" que non compensarían, segundo o BNG, os "miles" que se destruirían ligados á actividade agraria e á pesqueira nos concellos afectados. Pontón aludiu tamén ás "denuncias" ambientais a multinacional "que está detrás" noutras comunidades como Andalucía.

"QUE FEIJÓO ESCOITE"

   "Hai máis de 1.500 alegacións, concellos de todas as cores que xa se situaron en contra e unha mobilización social importante en contra", proclamou a portavoz do BNG, quen esixiu a Feijóo que "escoite".

   Ante esta conxuntura e co exemplo do freo de Corcoesto, reivindicou a importancia da presión social e política, e incidiu en que "o único que pode facer a Xunta" é "denegar os permisos" que solicitou a promotora, e "pór por diante a defensa do medio ambiente, a saúde das persoas, e o futuro do sector lácteo e pesqueiro".

   "Non entendemos por que a Xunta demora un posicionamento claro, cando a maioría social pide que non se siga adiante", resolveu.