O BNG insta á Xunta a "rectificar" ante o "sexismo" de declarar "non apta" para o Sergas a unha celadora embarazada

Actualizado: jueves, 21 agosto 2014 20:40

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 21 Ago. (EUROPA PRESS) -

O BNG insta á Xunta a "rectificar" ante o "sexismo" que supón declarar "non apta" para traballar no Servizo Galego de Saúde (Sergas) unha celadora chamada para cubrir unha substitución por estar embarazada.

A través dun comunicado, a deputada do Bloque Montse Prado anunciou o rexistro dunha iniciativa parlamentaria para demandar que se tomen "as medidas necesarias para restituír os dereitos laborais dunha traballadora incluída nas listas de contratación do Sergas".

"En lugar de adecuar o seu posto de traballo á súa situación, como establece a normativa, os responsables do centro non lle permitiron incorporarse ao traballo", censurou, ao tempo que considerou que as explicacións da conselleira de Sanidade, Rocío Mosquera, sobre o caso a "inhabilitan" para seguir no seu posto.

Por último, a parlamentaria nacionalista insistiu en que declarar "non apta" unha celadora embarazada que informara da súa situación no momento de recibir a chamada para facer unha substitución supón "discriminación laboral e sexismo".