O BNG promete unha nova lei galega de comercio e tacha de "rácano" o plan de reactivación aprobado pola Xunta

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, e a coordinadora de campaña do Bloque, Goretti Sanmartín, visitan un comercio no Ensanche de Santiago.
MAURO BASTÓN - EUROPA PRESS
Publicado: sábado, 6 junio 2020 15:08

   O Bloque propón crear "un 'Amazon' galego" de venda por Internet e "moratorias" que freen a apertura de grandes superficies

   SANTIAGO DE COMPOSTELA, 6 Jun. (EUROPA PRESS) -

   A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, prometeu este sábado que promoverá unha nova lei galega de comercio para acabar coa "invasión competencial" do Goberno central, á vez que tachou de "rácano" e "sen visión de futuro" o plan de reactivación económica presentado este venres pola Xunta.

   Así o manifestou a candidata nacionalista para as eleccións autonómicas do 12 de xullo, tras visitar, xunto á coordinadora da campaña do Bloque, Goretti Sanmartín, unha tenda do Ensanche de Santiago de Compostela.

   En declaracións aos medios, Ana Pontón confesou que o BNG "é fan do comercio local porque permite crear" postos de traballo que "non se deslocalizan", ademais de ser "unha fonte de riqueza" e "dinamismo" para os municipios.

   Coa vista posta nos últimos dous meses e medio, nos que o sector se viu azoutado pola crise da pandemia da COVID-19, dixo que "poucas imaxes son máis desoladoras que ver rúas enteiras cos baixos comerciais pechados".

   Non en balde, lembrou que o comercio local, que supón o 13 por cento do emprego e o 14 por cento do PIB de Galicia, xa sufriu a crise do 2008, tras a cal "pecharon 3.500" establecementos na Comunidade.

   Por iso, o BNG expón esta nova lei de comercio local "pactada co sector" que permita que "desde Galiza" se regule os horarios, a apertura de festivos e os períodos de rebaixas, á vez que acaba coa "invasión competencial" por parte do Estado neste ámbito.

UN 'AMAZON' GALEGO

   Ademais, Pontón cualificou como "vital" a modernización tecnolóxica destes establecementos, polo que o BNG propón "un 'Amazon' galego", é dicir, unha plataforma de venda por Internet que teña participación tanto pública como privada, sen "someterse" ás normas dunha multinacional.

   Neste sentido, a candidata nacionalista tamén apelou a conceder "unha moratoria" que free a apertura de grandes superficies en Galicia, porque considera que a Comunidade está "saturada".

   Así mesmo, reclamou axudas "directas" de até 2.000 euros, con cargo aos orzamentos da Xunta, para "afrontar gastos nun contexto de baixada de ingresos" que ademais "se manterá porque é evidente que moitos galegos van ver recortada a súa capacidade de consumo". Na mesma liña, insistiu en que os concellos poidan investir a totalidade do seu superávit, coa previsión de que poidan articular medidas de apoio ao comercio.

UN PLAN DE REACTIVACIÓN "RÁCANO"

   Paralelo a todo iso, Ana Pontón aproveitou a súa visita ao establecemento do Ensanche compostelán para cargar contra o plan de reactivación económica aprobado este venres polo Consello da Xunta, ao que tachou de "rácano" e "sen visión de futuro".

   "Eu pregúntome onde están as medidas de apoio a unha economía verde, onde está o apoio á investigación, onde está o apoio ao comercio, onde están as medidas de aposta de futuro pola descarbonización da sociedade", cuestionou.

   Para Pontón, trátase dun plan "propagandístico" pero que "mesmo na propaganda queda curto, porque realmente non hai ambición nin planificación de futuro".