O BNG reclama o "dereito" dos pobos a cambiar a Constitución e chama a Vox "aborto do PP"

Acto simbólico do BNG no aniversario da Constitución
EUROPA PRESS
Publicado: viernes, 6 diciembre 2019 14:43

   SANTIAGO DE COMPOSTELA, 6 Dic. (EUROPA PRESS) -

   A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, reclamou o "dereito" de pobos e cidadáns a cambiar as leis, incluída a Constitución, neste día en que se celebra o 41 aniversario da Carta Magna. Ademais, nun acto para visualizar as súas críticas ao texto, referiuse á actual situación política e chamou a Vox "aborto do PP".

   Este venres, numerosos cargos do Bloque participaron en Santiago na realización dunha cadea humana ao redor do Museo do Pobo Galego, como acto simbólico en defensa da autodeterminación.

   Nunha intervención posterior, Pontón criticou a Constitución por considerala un marco "esgotado" e que non serviu para solucionar os problemas de Galicia. Engadiu que é un texto "dos privilexios duns poucos", entre os que incluíu á dinastía borbónica, unha institución "carca, antidemocrática e machista".

   Por outra banda, a portavoz nacionalista mostrou a súa preocupación ante a extrema dereita e destacou que non "debe sorprender" que a dereita pacte con Vox, porque "non é máis que un aborto do Partido Popular".