O BNG ve "sensata" a decisión de Sánchez, ao que pide "cambios estruturais" para "rexenerar" a política

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, en rolda de prensa.
BNG
Publicado: lunes, 29 abril 2024 14:09

   Pontón e Rego saúdan a continuidade da lexislatura para que o PSOE poida "dar cumprimento" ao acordo de investidura

   SANTIAGO DE COMPOSTELA, 29 Abr. (EUROPA PRESS) -

   O BNG considera "sensata" a decisión do presidente do Goberno, Pedro Sánchez, de seguir á fronte do Executivo pero cre que este impás "non pode quedar nun período de reflexión ou unha declaración" pública e debe ir acompañada da adopción de medidas que supoñan "cambios estruturais" para "rexenerar" a democracia no Estado e terminar coa política "do lodo, o 'lawfare' e a descualificación persoal".

   Así o manifestaron a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, e o deputado nacionalista no Congreso Néstor Rego nunha comparecencia de prensa este luns no Parlamento de Galicia minutos despois de coñecerse a decisión de Sánchez de continuar no cargo após o período de reflexión aberto o xoves após a apertura dunha investigación xudicial contra a súa parella, Begoña Gómez.

   Para Pontón, Sánchez tomou a decisión "sensata" porque a súa dimisión "sería no fondo unha vitoria dos que non asumen o resultado democrático expresado nas urnas" desde estamentos "mediáticos, xudiciais e políticos que están empeñados en torcer o pulso á vontade da maioría social".

    Nesta liña, subliñou que "desde as diferenzas" que mantén co Partido Socialista, o Bloque considera positivo que siga adiante a lexislatura para poder así dar cumprimento ao acordo de investidura subscrito entre PSOE e nacionalistas en cuestións "que son importantes para os intereses" de Galicia e das "maiorías sociais".

    "En política non todo vale, hai liñas vermellas que non se poden traspasar. A política non pode ir de deshumanizar ao adversario, que se ve como un inimigo ao que hai que destruír mesmo no persoal", sentenciou Pontón, que ve necesaria "outra forma de facer política" distinta á que, ao seu xuízo, pon en práctica "a dereita e a extrema dereita".

    Neste sentido, asegurou que en Galicia se coñecen "moi ben" as "tácticas destrutivas" do PP, "baseadas no insulto, as mentiras e a descualificación persoal", que parte da forma dos populares "de enteder a política como unha forma de ocupar o poder" que os leva a "fagocitar" as institucións "e deslegitimiar o resultado das urnas" cando non lle son favorables.

MEDIDAS DE REXENERACIÓN DEMOCRÁTICA

   Para o BNG, como expresaron tanto Pontón como Néstor Rego, o ocorrido nos últimos días e a decisión final de Sánchez de permanecer no cargo entre denuncias de prácticas desde os medios, os partidos e estamentos xudiciais debe ir acompañado da adopción de medidas que contribúan á "rexeneración democrática", algo que "non vai ser fácil nin cousa dun día".

   Segundo a líder frontista, "tanto o PSOE como Sánchez levan moito tempo mirando para outro lado" mentres "os bulos e o 'lawfare' o embarraban todo, sen facer nada para atallar ese clima" que supuña a "persecución" de dirixentes doutras forzas políticas "e se criminalizaba a líderes da esquerda, soberanistas ou nacionalistas e a movementos transformadores como o feminismo".

   "Hoxe (este luns) queda evidenciado que o 'lawfare' existe. O PSOE mirou para outro lado e mesmo se beneficiou. Agora que o denuncia, é o momento de actuar", sentenciou Néstor Rego, que pide aos socialistas e o seu líder que "actúen" porque "senón todo qudará nunha retórica baleira". "É o momento de avanzar en democracia", apostilou.

Contador