Caballero (PSdeG) suxire a Feijóo que "se dea de baixa" do PP se "permite a entrada" de Vox na Mesa do Congreso

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, na reuda de prensa
EUROPA PRESS
Publicado: lunes, 2 diciembre 2019 15:45

   O presidente galego expresou o sábado que "tería que pedir a baixa" da formación se "depende dos extremos e dos independentistas"

   SANTIAGO DE COMPOSTELA, 2 Dic. (EUROPA PRESS) -

   O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, suxeriu que se o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, é "coherente coas súas palabras", deberá "darse de baixa do PP" se os deputados do seu partido "permiten a entrada de Vox" na Mesa do Congreso durante a sesión constitutiva das Cortes, que se celebrará este martes.

   Así o expresou o líder de filas dos socialistas galegos este luns, dous días despois de que Feijóo, nun acto da súa formación en Santiago, cargase contra un PSOE que "depende" de Podemos e os independentistas para logo engadir: "Nunca pensarei que o PP vaia a depender dos extremos e dos independentistas porque, se algunha vez así fora, eu tería que pedir a baixa do PP".

   Nunha rolda de prensa en sede parlamentaria, Gonzalo Caballero insistiu en que a xornada de constitución das cortes será "a proba de lume" do presidente galego. "Se Feijóo di que non vai estar nun PP que pacta cos extremos, mañá debe dicirlle aos seus deputados que voten 'non' á entrada de Vox na Mesa do Congreso ou darse de baixa do PP se é coherente coas súas palabras", reiterou.

   En caso de non facelo, o líder popular demostrará "o seu cinismo" e terá que dicir aos galegos "que engana cando fala de centralidade". "Se Feijóo quere garantir esa centralidade da que alardea, terá que facer mañá o que faría calquera conservador europeo que entende, como en Alemaña ou en Francia, que non se pode gobernar coa extrema dereita que está a entrar en España", sentenciou.

   E é que, ao seu modo de ver, hai que "reducir" a entrada institucional do partido de Santiago Abascal e "acotar o seu nivel de crecemento" no Estado: "Permitir que Vox vaia penetrando nas institucións é permitir que unha hidra vaia estendéndose no sistema político".

POLÉMICA NA RADIO GALEGA

   Por outra banda, o secretario xeral do PSdeG foi preguntado pola prensa sobre a polémica suscitada cun xornalista durante a súa entrevista na Radio Galega este domingo. Así, Caballero respondeu recalcando que respecta "a liberdade de prensa e a liberdade de expresión de todos os medios" e os seus profesionais.

   Non en balde, aproveitou para denunciar que a Corporación de Radio e Televisión de Galicia (CRTVG) está a ser "obxecto dunha manipulación clara por parte do Partido Popular". "Feijóo é á TVG o mesmo que foi Esperanza Aguirre a Telemadrid", engadiu.

   Neste contexto, o líder socialista lembrou que hai "centos de profesionais dos medios públicos" que participan na causa dos 'Venres Negros' para "rexeitar a política de control da información que, a través dos medios, fai a Xunta".