Cambios, benvidas e sabor a despedida do reelixido Santalices na constitución do XII Parlamento galego

853653.1.260.149.20240318172453
Vídeo de la noticia
A até hoxe conselleira e nova deputada da Mesa do Parlamento Ethel Vázquez (c), durante a sesión de constitución do Parlamento de Galicia, a 18 de marzo de 2024, en Santiago de Compostela - Álvaro Ballesteros - Europa Press
Publicado: lunes, 18 marzo 2024 17:24

   Senllas bufandas prol Palestina en dous dos deputados do BNG con máis visibilidade e unha proclama pola "paz mundial" do presidente

   SANTIAGO DE COMPOSTELA, 18 Mar. (EUROPA PRESS) -

   O Pazo do Hórreo acolleu este luns 18 de marzo o pleno de constitución da XII lexislatura autonómica que estivo marcada polos cambios en órgano reitor da Cámara, coa entrada da até agora conselleira de Infraestruturas en funcións, Ethel Vázquez, que abandona a cadeira de brazos azul para ocupar o posto da veterana Corina Porro, quen precisamente vén de dicir adeus á política após ocupar (case) todo tipo de postos institucionais.

    Así, foi unha xornada de benvidas ás 43 caras novas en relación ao hemiciclo que se configurou en agosto de 2020, daquela, marcado polas medidas de seguridade da pandemia e as máscaras como principais protagonistas. Destes novos rostros con respecto a aquel hemiciclo, 27 correspóndense co PPdeG, aínda que entre elas si hai conselleiros ou altos cargos da Xunta que, ou ben chegaron a ser deputados antes de ser nomeados ou, en todo caso, son cargos visibles e coñecidos do Pazo do Hórreo.

   Son exemplo desas circunstancias a vicepresidenta segunda en funcións Ángeles Vázquez; e os conselleiros en funcións Ethel Vázquez, Fabiola García, Miguel Corgos, María Jesús Lorenzana, Alfonso Villares, Elena Rivo, Román Rodríguez, José González e Julio García Comesaña.

    Precisamente, deste elenco sae unha das principais novidades para esta lexislatura, co nomeamento de Ethel Vázquez como secretaria da Mesa do Parlamento, un órgano no que repiten Elena Candia como vicepresidenta primeira e Montse Prado, como vicepresidenta segunda. O outro cambio prodúcese no PSOE, cun grupo renovado case na súa totalidade e nove deputados, a cabeza de lista pola Coruña. Patricia Iglesias, será vicesecretaria do órgano que preside Miguel Santalices, quen deixou na súa reelección certo sabor a despedida: "a última toma de posesión", titulouna el mesmo.

    O pleno de constitución arrincou coa lectura da acta electoral e a toma de posesión da Mesa de Idade, presidida neste caso polo ex alcalde de Paradela, José Manuel Mato, que ademais de ser o maior do hemiciclo tamén conta na súa mochila con ser o rexedor máis lonxevo no cargo da provincia de Lugo (cargo que ostentou desde 1979 até xaneiro deste ano após revalidar o 28M).

    "Espero seguir sendo útil ao meu país", dixo nunhas breves palabras antes de dar paso ás preceptivas votacións para elixir aos integrantes definitivos do órgano reitor. A el acompañoulle Rubén Santamaría, deputado por Pontevedra máis coñecido por ser integrante do equipo dos 'Mozos de Arousa', participantes do programa televisivo 'Reacción en Cadea'. Así, saltou do estudio de televisión á area parlamentaria onde terá ocasión de debaterse con outro tipo de rivais, neste caso, doutros partidos políticos nun papel que aínda está por decidir.

   E como parte da terna que o calendario de nacemento fixo que só estivese composta por homes, situouse o deputado por Lugo Iago Suárez, que portou unha bufanda prol Palestina (que lle regalou o ex portavoz da Fronte Popular pola Liberación de Palestina, Fayez Badawi) do mesmo xeito que a despois elixida vicepresidenta segunda, Montse Prado, en ambos os casos do grupo do BNG.

   A disposición dos asentos das súas señorías tamén quixo situar ás dúas cabezas de Lugo polo PP e PSOE, Elena Candia e José Ramón Gómez Besteiro, temporalmente a ambos os dous lados do corredor central do hemiciclo. Ambos os rivais políticos tamén protagonizaron severas acusacións polos "anónimos" que os socialista atribúen á presidenta popular lucense e que levaron (entre outras cuestións) a Besteiro a estar investigado e apartarse da política no seu primeiro intento de presentarse nunhas eleccións autonómicas.

    Con todo, houbo saúdo cordial entre ambos, como así o tiveron tamén Besteiro co presidente da Xunta en funcións, Alfonso Rueda, unha imaxe que non se repetiu coa líder do principal partido da oposición, Ana Pontón, quen apenas o saudou a distancia neste primeiro encontro post electoral ante as cámaras.

   Se dous deputados do BNG portaron bufandas prol Palestina e outros levaron a chapa en forma de sandía que defende a mesma causa, o presidente da Cámara aproveitou o seu discurso para soñar coa posibilidade de pedir un desexo: "A paz mundial".

    Ademais de expresar este desexo, Santalices tivo especiais palabras de agradecemento para a súa esposa, Teresa Cendón, tamén ligada á política en Vigo e sentada na bancada do público e con quen logo puido deixarse ver polos corredores do Pazo do Hórreo e exhibir a súa gravata de Aldeas Infantís, que prometeu lucir a esta entidade se volvía repetir no cargo.

    E é que, os corredores parlamentarios foron un fervedoiro de conversacións e pousaron de fotos, coas miradas postas nun discreto Alfonso Rueda, que quixo ceder o protagonismo aos membros da Cámara, pero a quen ninguén pasou por alto. Non en balde, tivo breves 'despachos' cos presidentes provinciais e mantivo tamén conversacións con outros cargos, como o alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, quen tamén tivo o seu 'á parte' co vicepresidente en funcións Diego Calvo.

    Precisamente, Democracia Ourensá é outra das principais novidades deste hemiciclo coa entrada do seu deputado Armando Ojea, que se votou a si mesmo no tres ocasiones que houbo que meter a papeleta en urna: para elixir presidente, vicepresidencias e secretarías.

A CARREIRA: DE FACER A MILI A REPRESENTANTE DO POBO

   Entre o público, houbo cargos do PP (entre os que se atopaba o senador por designación autonómica Manuel Baltar e a expresidenta da Cámara Pilar Rojo), alcaldes e representantes do BNG, como a rexedora da capital galega, Goretti Sanmartín, e representantes socialistas como o secretario de Organización, José Manuel Lage, e o presidente da Deputación de Lugo, o socialista José Tomei (non estaba o seu homólogo da Coruña e secretario xeral do PSdeG saínte, Valentín González Formoso).

   Así mesmo, familiares e achegados non quixeron perderse á toma de posesión dos novos deputados, como é o caso do pai de Iria Carreira (BNG), quen lle fixo unha 'visita guiada' polo outrora cuartel militar onde, precisamente, José Carreira fixo o servizo militar.