Candia afronta con "normalidade" a moción de censura para desaloxala da Deputación, que supón que "prosperará"

Actualizado: miércoles, 7 octubre 2015 17:38

LUGO, 7 Oct. (EUROPA PRESS) -

A presidenta da Deputación de Lugo, a popular Elena Candia, manifestou este mércores que afronta con "normalidade" a moción de censura que promoven o PSdeG e BNG para desaloxala do seu cargo, iniciativa que supón que "prosperará".

En declaracións aos medios, Candia sinalou que afrontaba o proceso "moi ben" e dentro da "normalidade". Tras a sinatura dun convenio co presidente da Sociedade Protectora de Animais, sobre a moción presentada por socialistas e nacionalistas comentou que cre que "prosperará". "Unha vez que está asinada non cabe esperar outra cousa", apostilou.

Dito isto advertiu que o seu grupo provincial -formado por 12 deputados do PP fronte a 11 do PSOE e 2 do BNG- "ata cinco minutos antes" estará a "rematar os proxectos" que teñen "pendentes de rematar".

"Hoxe veño de asinar o convenio para a cesión do terreo anexo á protectora de animais que era un compromiso adquirido ao pouco de chegar ao goberno, e tamén recibindo a unha asociación de San Ciprián moi interesada nas infraestruturas do seu Concello. Continuando co día a día ata o último minuto", subliñou.

Destes tres meses á fronte do goberno provincial resaltou que se fixo o que se "comprometeran a facer". Así referíase "á última actuación de reequilibrio, buscando naqueles concellos que non tiveron ningunha axuda desta institución nos últimos oito anos, e fundamentalmente nos últimos catro, colaborando cos concellos para que poidan ter abastecemento de auga, para que poidan ter uns accesos rodados aos seus núcleos rurais, e simplemente distribuíndo recursos dunha forma eficiente e xusta".

PLENO

O pleno da moción de censura celebrarase este xoves ás 12,00 horas, no que intervirán, por orde, o candidato á presidencia, o socialista Darío Campos; a presidenta Elena Candia; e os voceiros do BNG, Antonio Veiga; do PSOE (Campos) e do PP, Carlos Arrestos, "por un máximo de seis minutos".

Tras as intervencións procederase á votación, en urna, onde os 25 deputados provinciais disporán de papeletas en branco nas que se inserirán os termos "Si" e "Non" ou deixar a papeleta en branco, para dar a súa conformidade ou abstención á moción presentada.