Catro persoas falecidas, tres delas menores, nun incendio nun edificio de Vigo

Portal do número 6 da rúa Alfonso X en Vigo, onde se rexistrou un incendio na madrugada do 11 de outubro de 2023, no que morreron unha muller e tres menores.
Javier Vázquez - Europa Press
Publicado: miércoles, 11 octubre 2023 10:37

Permanecen ingresadas 9 persoas feridas, das que 6 están na UCI do Álvaro Cunqueiro e Povisa

VIGO, 11 Oct. (EUROPA PRESS) -

Catro persoas faleceron na madrugada deste mércores, unha muller e tres menores, nun incendio rexistrado nun edificio da rúa Alfonso X o Sabio de Vigo, mentres que varias máis resultaron feridas e, delas, 9 permanecen ingresadas en hospitais da cidade.

O incendio produciuse sobre as 4,00 horas desta madrugada, e o 112 alertou a Urexencias Sanitarias-061, Bombeiros de Vigo, Policía Nacional e Policía Local. Tamén foron mobilizados psicólogos do GIPCE, Grupo de Intervención en Catástrofes e Emerxencias.

Fontes policiais confirmaron que os falecidos son unha muller e tres menores, e algúns veciños apuntaron que se trata dunha nai e tres dos seus fillos.

Até o lugar tamén se desprazaron o alcalde, Abel Caballero,e os concelleiros Patricia Rodríguez (delegada da área de Seguridade) e Carlos López Font. A media mañá, o delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, visita a zona.

A concelleira de Seguridade confirmou que os bombeiros recibiron o aviso do 112 de madrugada e que deseguido se trasladaron ao lugar. Así mesmo lamentou as vítimas mortais e confirmou que se trata de persoas "novas", tres deles menores de idade.

Así mesmo, explicou que as persoas trasladadas a centros hospitalarios (ao hospital Álvaro Cunqueiro e ao hospital Povisa) estaban afectadas por inhalación de fume e por outras lesións. Ao resto de veciños do edificio, que tiveron que ser evacuados, buscaráselles reacollo e recibirán atención por parte dos servizos municipais.

A concelleira tamén indicou que os bombeiros puideron controlar o lume "dunha forma efectiva e o máis axiña posible", aínda que evitou pronunciarse sobre a suposta intencionalidade do sinistro, apuntada por algúns veciños. "É verdade que son situacións nas que naturalmente nos pomos moi nerviosos, buscamos culpables e é humano que os familiares e os amigos e a xente máis próxima estea inquieta e pense ese tipo de cuestións, pero o mellor é deixar traballar aos profesionais", subliñou.

FERIDOS

Fontes de Sanidade confirmaron que, na mañá deste mércores, permanecen ingresadas 9 persoas. Delas, catro están no hospital Álvaro Cunqueiro: unha nena de 8 anos que está na UCI en estado grave (e que inicialmente fora atendida en Povisa), un menor que está leve en Urxencias, un home de 52 anos en estado leve, e un bombeiro, de 43 anos, en estado leve.

Por outra banda, no hospital Povisa hai 5 persoas ingresadas na UCI, das que unha está en estado moi grave. Ademais, outras dúas persoas foron atendidas nese hospital e xa recibiron o alta.

Sanidade tamén informou de que, no lugar do incendio, foron atendidas 7 persoas, e que unha delas solicitou a alta voluntaria. Neste operativo foron mobilizadas dúas ambulancias de soporte vital avanzado e 5 ambulancias de soporte vital básico, ademais dun equipo sanitario da PAC de Vigo.