A CIG non acudirá á reunión de "diálogo social" coa Xunta para non "lexitimar" ao Goberno galego

A CIG non acudirá á reunión de "diáologo social" coa Xunta
CIG
Publicado: viernes, 15 febrero 2019 13:23

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 15 Feb. (EUROPA PRESS) -

O secretario xeral da Confederación Intersindical Galega (CIG), Paulo Carril, anunciou este venres que a central sindical non acudirá á reunión de "diálogo social" convocada pola Xunta para o vindeiro luns, día 18 de febreiro, xa que, ao seu xuízo, "non se dan as condicións necesarias", polo que a CIG "non lexitimará as políticas do Partido Popular a través do diálogo social".

Segundo asegurou a CIG nun comunicado, Carril destacou que non existen "actuacións por parte do Goberno que xeren un contexto de interlocución con credibilidade e confianza para afrontar a difícil situación de Galicia".

Ademais, o secretario xeral subliñou que "non é certo" que se lle solicitase á CIG con anterioridade a esta convocatoria ningunha "disposición a iniciar un novo diálogo". Así mesmo, sinalou que "non se sabe cales son os asuntos que pretende abordar o Goberno".

Para Carril, Galicia "está sumida nunha auténtica situación de emerxencia nacional e social" como consecuencia, ao seu xuízo, da aplicación de "duras políticas económicas, laborais e sociais aprobadas polos sucesivos Gobernos españois".

O secretario xeral afirmou que "non acredita no chamado diálogo social unha solución para esta situación" polo que entende que "é unha expresión simplificada e anuladora das necesarias relacións institucionais", que se utilizan de forma "perversa" coa intención de "transmitir ao conxunto da sociedade falsas expectativas de solución aos problemas".

"Non queremos lexitimar esta forma de gobernar nin as políticas que dela derivan", sinalou a CIG, e engadiu que "seguirá apostando polo diálogo e os acordos, pola existencia de relacións entre as Organizacións Sindicais, Patronais e Gobernos".

"FRAUDULENTAS POSTURAS REIVINDICATIVAS"

Pola súa banda, Carril cualificou de "fraudulenta" a posición reivindicativa na que, ao seu xuízo, sitúase o Goberno da Xunta cara o Goberno de Madrid. "Non teñen vontade real de facer ningunha mudanza real", asegurou.

"Máis ben ao contrario, ausentándose de gobernar, de exercer as súas competencias e de permanecer pasivos, mentres as decisións de Madrid e Bruxelas impactan duramente no noso país", engadiu Carril.

Ademais, subliñou "o crecemento da desprotección social" como consecuencia "da aprobación e aplicación de duras políticas a favor do gran capital e dos fondos de investimento".

Carril denunciou, tamén, as novas realidades do mundo do traballo que "están a fomentar o empobrecimiento xeneralizado da clase traballadora" e profundan a "perpetuación das desigualdades de xénero".

Para Carril, os orzamentos da Xunta aprobados nestes últimos anos "evidencian que este Goberno non está por tomar iniciativas a favor do desenvolvemento económico e social" nin por "garantir o dereito a poder vivir e traballar dignamente en Galicia".