O Comité de Alcoa na Coruña agradece o apoio cidadán e político e anuncia que os traballadores seguirán "loitando"

Manifestación dos traballadores da multinacional Alcoa na Coruña, Galicia
M. Dylan
Actualizado: domingo, 21 octubre 2018 13:55

    A CORUÑA, 21 Oct. (EUROPA PRESS) -

   O Comité de Empresa da fábrica de aluminios de Alcoa na Coruña agradeceu o apoio político e cidadán que recibiu nas protestas que están a desenvolver, despois de que a multinacional norteamericana presentase un ERE extintivo que suporía o peche da fábrica coruñesa e a situada en Avilés.

   Así mesmo, o Comité avanza que os traballadores seguirán "loitando" para evitar a medida, que supón o despedimento de case 700 operarios directos. Así o transmite nun comunicado remitido aos medios de comunicación, no que agradece "o enorme apoio e agarimo recibido na loita", no día despois da manifestación que congregou a preto de 6.000 persoas na Coruña.

   En concreto, transmiten o seu agradecemento a "todos os traballadores, incluídas as empresas auxiliares, a excompañeros de traballo", aos compañeiros da fábrica de Avilés e das plantas de San Cibrao --que tamén se manifestaron o sábado na Coruña-- e "ás coruñesas e coruñeses".

   Na mesma liña, trasladan o seu agradecemento a "toda a corporación municipal do Concello, co alcalde á cabeza" e aos "concellos da área metropolitana", así como á "Xunta de Galicia e ao presidente, cargos das distintas administracións, partidos políticos, sindicatos e Comités doutras empresas, asociacións e movementos sociais, etc".

   Un apoio que destacan que se "se fixo visible na manifestación" deste sábado e que "se se puidese transformar en enerxía eléctrica resolvería o problema --da planta de Alcoa-- para sempre e o de todos os consumidores".

   Pero ademais, o Comité tamén avanza que continuará coas protestas. "Seguiremos loitando e estamos convencidos, agora máis que nunca, se cabe, que con todo

   o agarimo e apoio que estamos a recibir gañaremos". "Loitaremos e venceremos", proclama.

   Finalmente, conclúen pedindo desculpas "se en calquera momento e se durante esta loita" entorpecen "un pouco" e indican que tentarán "no posible facer visible" o seu "grave problema buscando sempre o menor impacto para todos".