Protesta de traballadores de Alcoa ante o Parlamento galego o día de constitución da Cámara
EUROPA PRESS
Publicado: miércoles, 12 agosto 2020 12:49

   SANTIAGO DE COMPOSTELA, 12 Ago. (EUROPA PRESS) -

   O comité de empresa de Alcoa informou de que se reunirá este xoves coa empresa e de que nese encontro aceptará o proposta "froito da mediación" presentada onte conxuntamente por Goberno central e Xunta e que pasa por ampliar o período de consultas do expediente de regulación de emprego (ERE) até o 28 de setembro para que se negocie a venda a Liberty House.

   Nun comunicado remitido este mércores, o comité destaca que Alcoa ten na actualidade unha proposta sobre a mesa que "non difire substancialmente" da realizada pola propia representación dos traballadores na última reunión sobre o ERE.

   O plan proposto, sobre o que Alcoa aclarou onte que non tomou unha decisión, supón estender seis semanas as negociacións do despedimento colectivo para máis de 500 traballadores e que a multinacional estadounidense inicie nese período un proceso de compra-venda con Alliance GFG --grupo do que forma parte Liberty House--, durante o que deberá manter a actividade na planta de San Cibrao.

   Ademais, Alcoa comprometeríase a informar de forma regular ás partes implicadas da evolución das negociacións, algo que se canalizaría a través dunha mesa industrial con representación do Goberno central, a Xunta, os sindicatos e o comité de empresa.

   A proposta presentada onte pasa por tratar de pechar as negociacións para a venda e suxire como data límite o 27 de setembro. Se non hai acordo, pide que o 28 dese mes finalice o período de consultas, mentres que o comité de empresa reclama que, nese caso, se dea continuidade ao período de consultas "retomando a senda do diálogo e a negociación".

   No seu comunicado, a representación dos traballadores considera que "quedou demostrado que non hai arma que poida combater a firmeza da clase obreira", que grita "a unha soa voz" que "as cubas non se paran".