Conde Roa denuncia ante a xuíza que Vixilancia Aduaneira "manipula" informes e "ocultou" que devolveu un regalo

Conde Roa Dimisión
EUROPA PRESS
Actualizado: martes, 25 marzo 2014 17:11

Avanza que pedirá, no transcurso do procedemento, que testifiquen os funcionarios deste servizo para que "aclaren" as súas conclusións

LUGO/SANTIAGO, 25 Mar. (EUROPA PRESS) -

O exalcalde de Santiago co PP Gerardo Conde Roa denunciou ante a xuíza instrutora da Pokémon que nos informes de Vixilancia Aduaneira (VADA) "hai manipulación" e criticou que, nalgúns casos, son "absolutamente inconcibibles" as "conclusións que "saca de feitos absolutamente irrelevantes". Neste sentido, advertiu de que eses documentos están a "afectar gravemente á instrución".

Ademais, acusou os investigadores de "ocultar" que el devolveu un regalo da empresa Vendex, o cal non pasou, como menciona veladamente na súa comparecencia ante a xuíza Conde Roa, no caso do alcalde de Teo, Martiño Noriega, de quen si figura unha carta conforme reintegrou o obsequio.

"E dende logo, eu síntome nalgúns casos absolutamente pisado na miña presunción de inocencia, no meu dereito á honra, cos informes que van facendo estes señores, algúns deles, verdadeiramente inconcibibles", advertiu Conde Roa na súa declaración voluntaria do pasado 7 de marzo ante a instrutora da Operación Pokémon, que investiga unha suposta trama de pagamento de subornos políticos a cambio de concesións públicas.

Nesta comparecencia ante a xuíza, que pediu Conde Roa para explicar os cesamentos da interventora e do secretario municipal co cambio do goberno en Santiago de Compostela nas eleccións de 2011, o exalcalde compostelano, que dimitiu en 2012 tras ser imputado por fraude fiscal, pon como exemplo desas actuacións que censura o informe no que se lle relaciona coa empresa GRS e o seu responsable, o catalán Alex Ros.

PEDIRÁ a SÚA COMPARECENCIA

"Téñome que indignar cando vexo isto porque non tiven ningunha reunión, non o coñezo, os feitos prodúcense con posterioridade (a estar el no concello) e non só me están a atribuír reunións e redacción de pregos de condicións, senón que suxiren que me están a dar diñeiro", censurou Conde Roa, quen acusa aos funcionarios de VADA de "insinuar da forma máis cruel" que el recibe diñeiro desta empresa.

A este respecto, Conde Roa avanzou que se trata dunha cuestión que "no momento en que corresponda", se lles "pedirá a estes funcionarios a súa comparecencia" para que aclaren as súas conclusións no que a el respecta. "Isto é algo que me indigna", resaltou.

DEVOLUCIÓN REGALO

Por outro lado, Conde Roa tamén censura que, no marco do rexistro á empresa Vendex, se atopou un "tarxetón" no que figura que "devolve o regalo", pero se "ocultou". Ao respecto, a instrutora do caso, Pilar de Lara, recórdalle que non aparece o seu nome, pero o exalcalde incide en que si está a súa "sinatura", na que se pode ler que é o seu nome, e defende que tamén figura que é dunha persoa do Grupo Popular.

A xuíza asegúralle que, despois de coñecer que el publicamente asegurou que devolvera o regalo, ela mesma foi ver o tarjetón e, aínda que dixo a Conde Roa que "facía ben en aclaralo", defendeu que os funcionarios de Vixilancia Aduaneira non teñen que coñecer as sinaturas de todas as persoas. "De aí a insinuar que o ocultaron hai un treito", replícalle Piar de Lara ao imputado.

Non obstante, Conde Roa pregúntase como "non saben ler unha sinatura con nomes e apelidos", pero si son capaces de concluír que el se reuniu con Alex Ros. "Tan listos para unhas cousas e despois tan pouco listos para outras", censura na súa declaración o exalcalde, quen abunda en que "se son tan listos para sacar as conclusións que sacan aquí, o menos que pode esperar é que unha sinatura que vai con nome e apelidos e que pon Grupo Popular do Concello de Santiago" saiban deducir a quen pertence.

LINGOTES DE OURO

Sobre os lingotes de ouro atopados no seu domicilio, Conde Roa reitera que proceden dunha doazón dos avós maternos dos seus fillos e reitera que se lles facilitou as cartas, no idioma orixinal (alemán) e traducidas oficialmente, onde se explica esta transmisión en vida. "Nin diñeiro B, nin me dedico ao tráfico de ouro, señoría, me obrigan a aclarar o do ouro cando un está colgado dos polgars...", lamentou.

Ademais, ofrécese a conseguir as cartas dos doce netos dos avós das súas fillas coa súa actual parella que recibiron doazóns, aínda que lle podería carrexar un "problema". "¡Por Deus! ¡ Non sei que máis facer!", exclama, antes de asegurar que viu "derramar moitas bágoas por estas cuestións" e de afirmar que lle "doe un montón" todo isto.