Condenado a seis anos de prisión por acoitelar a outro home en Vigo

Actualizado: jueves, 30 marzo 2017 5:02

VIGO, 26 Oct. (EUROPA PRESS) -

Un home acusado dun homicidio en grao de tentativa en Vigo recoñeceu os feitos ante o Tribunal da Sección Quinta da Audiencia Provincial de Pontevedra, tras o que foi condenado a unha pena de seis anos de prisión, así como ao pagamento dunha indemnización de máis de 10.600 euros á vítima.

O xuízo estaba sinalado para a mañá deste mércores, pero non chegou a celebrarse ao chegar todas as partes a un acordo de conformidade. Así, o home, Javier N.P., que estivo na sala esposado e escoltado por dúas axentes, aceptou unha pena de seis anos de prisión, fronte aos nove que solicitaba inicialmente a Fiscalía.

Ademais, prohibiúselle achegarse a menos de 300 metros da vítima, así como comunicarse con ela por un período de 10 anos. Igualmente, en concepto de responsabilidade civil, terá que pagarlle unha indemnización de 10.635 euros.

O Tribunal ditou sentenza nestes termos, ao que engadiu que o acusado terá que asumir o pagamento das costas. Finalmente, ao renunciar todas as partes a recorrer a sentenza de conformidade, esta foi declarada en firme.

OS FEITOS

Segundo o escrito de acusación pública, os feitos dos que se acusa a Javier N.P. aconteceron na tarde do 6 de xuño de 2015, cando o procesado se atopou con Jose Luis T.V. nun bingo da cidade olívica e reclamoulle diñeiro por unha suposta débeda de drogas.

Ambos os dous saíron ao exterior do establecemento e, unha vez alí, Javier N.P. atacou a súa vítima cun coitelo no costado esquerdo, preto do pulmón, dándose á fuga a continuación. O home ferido foi trasladado a un hospital, onde estivo ingresado varios días, e posteriormente quedáronlle secuelas funcionais e estéticas, insuficiencia respiratoria e estrés postraumático leve.