Controlados os lumes Lousame e Noia logo de queimar 78 hectáreas nunha noite "horrible"

Publicado: martes, 26 marzo 2019 13:02

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 26 Mar. (EUROPA PRESS) -

Os lumes que afectaron nas últimas horas aos municipios coruñeses de Lousame e Noia quedaron controlados logo de queimar no seu conxunto 78 hectáreas, segundo os datos provisionais da Consellería de Medio Rural.

O tres focos localizados na parroquia de Tállara, en Lousame, e o cuarto rexistrado na parroquia de Argalo, en Noia, quedaron controlados preto do mediodía deste martes. En concreto, son 73 hectáreas calcinadas de monte arboledo e outro cinco de raso.

En Lousame, a situación "atópase máis controlada" após unha "noite horrible e dura", segundo explica a Europa Press a alcaldesa, Teresa Villaverde.

Apunta que "as tres frontes uníronse e co vento que sopraba pasou á zona de Noia, onde está o cemiterio". "Foron momentos apurados", recoñece, nun momento "de tempo seco e vento do noroeste".

O peor "foi nas casas de Abelendo", "con difícil acceso", pero puidéronse levar as motobombas pola pista forestal para chegar até alí, polo que non foi necesario desaloxar aos veciños.

Segundo a Consellería de Medio Rural, os focos iniciáronse de "maneira simultánea" na medianoite entre o luns e o martes, "motivo polo que todo indica que foron provocados".

Sobre esta cuestión, a rexedora quéixase de que "os incendiarios están alerta continuamente cando ven o momento propicio". "Para min son uns homicidas en potencia, porque o lume cando prende non sabes o que vai pasar se hai casas preto", censura.