A convocatoria de axudas para programas de emerxencia e inclusión social en entidades locais abre este xoves

Publicado: miércoles, 21 agosto 2019 16:58

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 21 Ago. (EUROPA PRESS) -

A nova convocatoria de axudas para programas de emerxencia e inclusión social en entidades locais abrirá este xoves e contará cunha partida de 5,5 millóns de euros a repartir entre aqueles proxectos que se dediquen á formación, mediación e educación no ámbito social.

Ademais, esta orde vén acompañada de dúas novidades. A primeira consiste en incluír un programa específico para atender ás persoas sen fogar e a segunda pasa pola ampliación do período para levar a cabo as diferentes actuacións de 16 a 20 meses, para que as entidades consigan "máis seguridade e continuidade", segundo explicou a Xunta este mércores nun comunicado.

O obxectivo desta medida é financiar as accións a través das que se adquira formación básica ou laboral adaptada aos destinatarios, actuacións de mediación intercultural ou de carácter residencial, así como programas de educación e apoio familiar e obras de mellora nos centros de inclusión e emerxencia social.

Para todo iso, a liña de axudas destinará 1,7 millóns de euros á inclusión social de persoas en situación ou risco de exclusión; 1,6 millóns a programas de educación e apoio familiar para a inclusión de menores; 811 mil euros para a inserción da comunidade xitana e dirixirase a mesma cantidade ás persoas sen fogar. Igualmente, 661 mil euros foron asignados para levar a cabo programas de inclusión da poboación inmigrante.