Decenas de persoas concéntranse en 46 municipios para alertar da "emerxencia" da "problemática da emigración"

Concentración de Vía Galega na Coruña
VÍA GALEGA
Publicado: sábado, 14 diciembre 2019 15:49

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 14 Dic. (EUROPA PRESS) -

Decenas de persoas concentráronse en 46 municipios de toda Galicia para esixir á Xunta que tome conciencia da problemática da emigración como un asunto de "emerxencia nacional". As protestas estaban convocadas pola plataforma social 'Vía Galega'.

Así, co lema 'Non Emigramos. Expúlsannos', numerosos simpatizantes déronse citas nas rúas e prazas da Coruña, Celanova, Carballo, Lugo, Santiago de Compostela ou Vilagarcía de Arousa, entre moitos outros, de forma simultánea reclamando "soberanía para crear traballo digno".

O colectivo denuncia as consecuencias da subordinación na que se atopa Galicia, materializadas a través da "destrución da base produtiva", o desemprego, a precariedade e que levan a miles de mozos galegos a marcharse a outros territorios "por non poder desenvolver a súa vida aquí".

No últimos dez anos foron máis de 216.000 as persoas de entre 16 e 54 anos que emigraron, das cales case 80.000 foron mozas con entre 16 e 29 anos. Por iso, reclamaron á Xunta que atenda "con urxencia na súa axenda" a importancia de "porlle freo á sangría poboacional" e garantir a defensa tanto da base produtiva como dun emprego digno e de calidade.

O colectivo levou a cabo mocións ante os 313 concellos galegos, así como ao Parlamento galego para esixir políticas encamiñadas a estes obxectivos.