Decenas de persoas marchan en Santiago contra as casas de apostas a berro de: "Cos nosos barrios non se xoga"

Manifestación contra as casas de apostas celebrada este mércores, día 19 de febreiro, en Santiago de Compostela
EUROPA PRESS
Publicado: miércoles, 19 febrero 2020 21:11

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 19 Feb. (EUROPA PRESS) -

Decenas de persoas manifestáronse este mércores en Santiago en contra das casas de apostas a berro de: "Cos nosos barrios non se xoga". Defenden a "prohibición do xogo online", que "levan á ruína aos mozos" e ás clases máis baixas.

Detrás dunha pancarta que rezaba: 'Fóra casas de apostas da nosa cidade! Aposta polo barrio', os protestantes percorreron varias rúas da capital galega e paráronse fronte a algún destes establecementos para pedir a súa abolición xa que consideran que "non achegan nada positivo á sociedade'.

A da tarde deste mércores lembra á manifestación das mesmas características que se celebrou o pasado venres, 14 de febreiro, na Coruña. Nesta ocasión Compostela sen apostas trataron de visibilizar como as casas de apostas se extenden e normalizan a través de estratexias publicitarias que empregan xogadores de fútbol ou outros famosos para atraer clientes.

Denuncian que o "único" que ampara á cidadanía fronte a este problema é "unha regulación branda", mentres estas empresas "espremen" aos grupos máis vulnerables da sociedade. Por ese motivo, este mércores proclamaron a súa aposta por un barrio que saque estes negocios das súas rúas.

Propoñen, como alternativa, "lecer saudable por e para a mocidade", de forma que se invista en facilitar a gratuidade e o acceso a eventos culturais e deportivos. Ademais, reclaman "accións preventivas e medidas de concienciación" sobre a ludopatía e o "perigo" destas prácticas.

POBREZA E MACHISMO

Este tipo de industria, critica a organización, mete ao usuario nun "ciclo" do que "é moi difícil saír" e que o conduce "á pobreza". "É un modelo de negocio sostido na dependencia, que destrúe ás familias e ás persoas", resolveron.

Ademais, criticou que se trata dun sector "moi propicio para o machismo", no que a figura da muller emprégase "como un elemento de atractivo e un obxecto de consumo máis" para atraer a clientes masculinos. Por ese mesmo motivo, destacaron, tamén ás mulleres con problemas de ludopatía cústalles máis requirir axuda.