A Deputación de Lugo destina 500.000 euros para construír unha residencia en Pantón

Darío Campos Conde visita Pantón (Lugo)
DIPUTACIÓN
Actualizado: lunes, 19 noviembre 2018 16:33

   Campos Conde critica que a Xunta, a administración "con competencias directas", "nunca dese resposta" a esta "vella demanda" dos veciños

   LUGO, 19 Nov. (EUROPA PRESS) -

   A Deputación de Lugo incluirá nos seus orzamentos de 2019 unha partida de 500.000 euros para construír unha residencia de maiores en Pantón, "un dos municipios máis envellecidos" da provincia "e mesmo de Galicia".

   Así o anunciou o presidente do organismo provincial, Darío Campos Conde, tras un encontro coa corporación municipal de Pantón, no que subliñou que "máis do 55 por cento dos veciños" deste concello "superan os 65 anos".

   "Esta prestación pode supor unha oportunidade para o municipio e o sur da nosa provincia, unha das zonas máis afectadas polo despoboamento demográfico, onde debemos fomentar a posta en marcha de todas aquelas iniciativas públicas que estean ao noso alcance e supoñan a dinamización social e económica deste territorio", manifestou.

   E é que, tal e como o dixo Campos Conde, a construción desta residencia "é unha vella demanda" dos veciños de Pantón "á que nunca se lle deu resposta" por parte da Xunta, "a administración coas competencias directas na materia".

ESPERA COLABORACIÓN DA XUNTA

   Por iso, o presidente da Deputación decide "dar este paso e incluír este proxecto" nos orzamentos provinciais para 2019. No entanto, Campos Conde aínda "espera a colaboración, que nunca tivo, do Goberno galego", que comprometeu "que executaría este centro antes dos comicios municipais de 2015" e "non o fixo".

   Segundo informa a institución lucense, a corporación municipal de Pantón "acolleu con moita alegría" a proposta do dirixente, á vez que se comprometeu "a colaborar en todo o posible" co seu goberno para facer realidade a infraestrutura, para a cal concederán terreos e unha achega económica de 200.000 euros.

   Así as cousas, Campos Conde subliñou que a súa "prioridade sempre foi e é contar con orzamentos na Deputación para colaborar e axudar aos máis de 300.000 veciños dos 67 municipios da provincia". "Así o levo facendo desde que son presidente e estou moi satisfeito de contribuír a isto en Pantón con máis de 1,5 millóns de euros" entre distintas iniciativas, sentenciou.