Desaloxan un parque infantil e aos traballadores de dúas naves polo incendio en Freiremar

Actualizado: lunes, 3 agosto 2015 13:29

   VIGO, 3 Ago. (EUROPA PRESS) -

   O incendio rexistrado na mañá deste luns na planta de Freiremar situada na avenida de Beiramar, xunto á Praza da Industria Conserveira de Vigo, obrigou a evacuar os nenos dun parque infantil próximo e aos traballadores desta nave e a de Conservas Albo, a onde se estenderon as lapas.

   Segundo informou a Europa Press o 112, varios particulares alertaron do incendio sobre as 12,20 horas deste luns. Se ben non hai constancia de momento de que haxa persoas feridas, o Centro de Atención ás Emerxencias (CAE) 112 Galicia mobilizou medios de Urxencias Médicas.

   Ata o lugar tamén se desprazaron efectivos de Bombeiros, de Policía Local e de Protección Civil, que desaloxaron aos traballadores que se atopaban no interior da nave, así como aos da planta de Conservas Albo, que teñen todas as súas pertenzas nos vestiarios.

   Ademais, por precaución evacuouse os nenos que xogaban nun parque localizado nas proximidades da nave, e, igualmente, foron cortadas as rúas de arredor, en concreto Beiramar, Xacinto Benavente e parte de Torrecedeira.

   En declaracións a Europa Press, o presidente do comité de empresa de Freiremar, David Puga (CIG), comentou que estas instalacións xa non pertencen a esta compañía, pois aínda que conserva os rótulos non renovou a concesión, senón que actualmente son utilizadas por Frigalsa e Comercial Pernas.

   Fontes de Frigalsa, que xestiona a parte de frigorífico da nave, manifestou a Europa Press que adquiriu estas instalacións xunto a Comercial Pernas e indicou que na actualidade estaban a facer reformas.