Estabilizado o incendio forestal de Baltar (Ourense), que calcina 120 hectáreas desde o seu inicio o sábado

Continúan estabilizados os dous lumes orixinados a pasada tarde en Rodeiro (Pontevedra) en dúas parroquias diferentes

Incendio en Baltar (Ourense), nunha imaxe tomada pola BRIF de Laza no seu desprazamento cara ao incendio, a 8 de agosto de 2026.
BRIF DE LAZA
Europa Press Galicia
Publicado: domingo, 9 agosto 2026 15:48

   OURENSE, 9 Ago. (EUROPA PRESS) -

   O incendio forestal declarado en Baltar (Ourense) quedou estabilizado ao mediodía deste domingo, un día despois do seu inicio, e arrasa unha superficie de 120 hectáreas, segundo a última estimación da Consellería do Medio Rural. Ademais, os dous lumes orixinados en parroquias diferentes de Rodeiro (Pontevedra) permanecen estabilizados desde esta mañá e calcinan cada un máis de 20 hectáreas.

   O incendio de Baltar iniciouse ás 12.21 horas do sábado en Garabelos do Bouzo e foi estabilizado ás 13.41 horas deste domingo, 9 de agosto. O seu alcalde, José Antonio Feijóo, explicou a Europa Press que, ao seu inicio, si xerou unha "preocupación grande" ao orixinarse ao pé dunha aldea, pero a súa actitude pronto cambiou a "optimista" grazas ao amplo despregamento de medios.

   En total, por parte da Consellería, traballaron nel tres técnicos, 12 axentes, 21 brigadas, 14 motobombas, tres pas, unha unidade técnica de apoio, seis helicópteros e nove avións. O Ministerio para a Transición Ecolóxica (Miteco) enviou á BRIF de Laza, cun equipo de 18 bombeiros, e un avión anfibio. Ademais, habilitouse un Posto de Mando Avanzado (PMA) para realizar o seguimento das tarefas de extinción.

    Na súa última actualización --enviada ás 14.00 horas do domingo--, Medio Rural elevou a cifra de hectáreas calcinadas, que esta mañá permanecía en 95, até as 120.

DOUS INCENDIOS EN RODEIRO (PONTEVEDRA)

   Por outra banda, os lumes de Rodeiro (Pontevedra), que se orixinaron con catro minutos de diferenza en dúas parroquias diferentes, quedaron estabilizados entre a madrugada e primeira hora do día: o de Arnego pasou a este estado ás 00.50 horas e o de Carboentes, ás 09.17. Cada un afecta a unha superficie de máis de 20 hectáreas.

   O incendio de Arnego rexistrouse ás 15.59 horas do sábado, catro minutos antes que o outro. Medio Rural desprazou até alí a 12 axentes, 15 brigadas, 10 motobombas, unha pa, catro helicópteros e dous avións.

   Pola súa banda, ao de Carboentes mobilizou, polo momento, a dous técnicos, 11 axentes, 15 brigadas, 15 motobombas, unha pa, tres helicópteros e catro avións.

Contador

Últimas noticias sobre estos temas

Contenido patrocinado