Están as empresas galegas ao tanto da importancia da súa reputación online?

COMPUTADOR
PIXABAY - Archivo
Publicado: viernes, 16 agosto 2019 17:08

"As grandes empresas galegas aínda non están concienciadas, pero estarano", asegura unha compañía que se dedica a estas medicións

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 16 Ago. (EUROPA PRESS) -

A pesar da tónica xeral en España en comunidades como Cataluña e Madrid, a análise da reputación online é un dos deberes sen facer do tecido empresarial galego, que aínda non ve esta práctica como un valor engadido á súa actividade.

E é que en pleno auxe tecnolóxico, as preocupacións da poboación migran á contorna online. Unha delas é a reputación, que se desliga do terreo persoal e aparece como un dos indicadores máis importantes para as empresas.

Desta forma nace o termo reputación online, un concepto que se refire ao conxunto de elementos que representarán o prestixio dunha marca ou persona na rede. Estas valoracións adoitan estar emitidas polos propios usuarios e consumidores, polo que non é posible modificar unha visión negativa con facilidade.

Precisamente detectando esta necesidade, os socios galegos Boris Gayoso e Carlos Correa fundaron en 2011 Cecubo Group, unha compañía con sede en Santiago e Madrid especializada en análise e consultoría que se encarga de medir a reputación das empresas e trazar estratexias con respecto á mesma en base á comunicación.

"Galicia aínda é un mercado moi verde", afirma Boris Gayoso en declaracións a Europa Press en relación á pouca popularidade destes procesos na comunidade autónoma, pois non considera que as empresas ignoren a importancia da súa reputación, senón que estas aínda "están nun proceso demasiado inicial construíndo a súa presenza online".

Cecubo monitoriza e analiza a popularidade na rede de compañías como Coca Cola, Cetelem e Fillos de Rivera e, a pesar da procedencia desta última, os fundadores da compañía indican que aínda non hai tantas empresas galegas na súa carteira de clientes, pois "aínda son poucas as empresas que se preocupan por esta cuestión".

SITUACIÓN EN GALICIA

Así, un servizo nado en Galicia ten que "escapar" do seu territorio para funcionar, como sinala Boris Gayoso, que explica que eles teñen "case máis volume de traballo de clientes de fóra de Galicia".

A tese 'Análise da reputación online aplicada ao branding da empresa', de Pedro Mir Bernal, expón que o modelo galego é reduccionista e, neste momento, as compañías potencian proxectos de baixo impacto ou con pouco orzamento.

Como sinala un dos socios de Cecubo, "en comparación con Barcelona ou Madrid, Galicia vai con atraso" porque "as grandes e medianas empresas nin sequera traballaron cunha estratexia de imaxe definida, non o ven como un valor".

Neste contexto, as empresas galegas aínda teñen unha presenza "testemuñal", como indica Gayoso, no mundo online. Unha gran parte delas quedáronse no nivel de desenvolver unha web e perfís en redes sociais para non ir máis aló.

"A comunicación é unidireccional, non se xera conversación", comenta o socio, o que pode compararse cunha despreocupación xeneralizada por coñecer o estado da súa imaxe ou reputación.

Aínda que en Galicia a empresa aínda non ten unha competencia especializada no sector (métricas e análise de 'big data'), non descarta que co paso do tempo este sexa un servizo máis demandado e proliferen novos empregos relacionados coa reputación online. En definitiva, "as grandes empresas galegas aínda non están concienciadas, pero estarano", aseguran.

AS CLAVES DA REPUTACIÓN

Desde o punto de vista empresarial, unha páxina con boa reputación online goza de autoridade no sector, polo que contará cun nivel alto de tráfico desde buscadores como Google. Isto supón que os usuarios atoparán a páxina con máis facilidade ao facer procuras relacionadas coa marca, os seus produtos ou o sector.

Vai afectar este indicador na toma de decisións dos usuarios? De acordo co experto en posicionamento Dean Romeu, está demostrado que a poboación sente un impulso de curiosidade maior cando a información que está a piques de coñecer é negativa.

Isto implica que se ao ingresar nun buscador o nome dun produto os resultados que se mostran son catro favorables e un desfavorable, este último terá moito máis calado no ideario do consumidor.

Esta reputación pode medirse para coñecer cal é a situación real dunha empresa no mundo cibernético. Pero esta práctica aínda non está moi asentada en Galicia.