Falece un home ao sufrir un accidente cun tractor nunha leira en Toques (A Coruña)

Publicado: domingo, 2 junio 2019 19:22

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 2 Jun. (EUROPA PRESS) -

Un home faleceu na tarde deste domingo por mor dun accidente de tractor ocorrido na parroquia de San Martiño de Oleiros do concello coruñés de Toques.

Ao redor das 14,00 horas deste domingo, un particular púxose en contacto co 112 Galicia após localizar nunha leira a unha persona debaixo dun tractor envorcado. Co fin de mandar axuda con moita brevidade, os xestores do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) solicitaron ao alertante o envío das súas coordenadas a través da aplicación de mensaxería WhatsApp.

Así, foron informados os efectivos do 061-Urxencias Sanitarias e os Bombeiros de Arzúa. Desafortunadamente, após chegar ao lugar onde se produciu o sinistro, os servizos sanitarios só puideron confirmar o falecemento do home.

Pola súa banda, os membros do servizo de prevención e extinción de incendios tiveron que levantar o vehículo para liberar á vítima. Co obxectivo de determinar as circunstancias do suceso, tamén acudiron ao momento os axentes da Garda Civil.