Farjas destaca o "paso decidido" da lei que limita o consumo de alcohol e apela á corresponsabilidade social

 Pilar Farjas Abadía
XUNTA/PHOTOGRAPHER: XOAN CRESPO
Actualizado: martes, 14 diciembre 2010 14:21

Recorda que "máis do 50%" dos menores de 14 anos que consumen alcohol "remata sendo adicto"

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 14 Dic. (EUROPA PRESS) -

A conselleira de Sanidade, Pilar Farjas, destacou o "paso decidido" do Parlamento galego coa aprobación --cos votos en solitario do PPdeG e o rexeitamento da oposición porque a norma se centra na "sanción" e "criminaliza" á xuventude-- da lei que eleva a 18 anos a idade para o consumo de alcohol en Galicia e apelou á corresponsabilidade das institucións e da sociedade en xeral para a "protección da saúde dos menores".

A preguntas dos medios de comunicación antes de doar sangue no marco da campaña de doazón de Nadal, a titular de Sanidade explicou que esta lei "vai permitir que Galicia homogeneice os criterios de limitación de idade para consumo de alcohol ao resto de España e de Europa".

Ademais, indicou que serve para impulsar e dar "un paso decidido e firme de corresponsabilidade" para todas as institucións e administracións para a protección da saúde dos menores. "Hoxe o Parlamento galego, é dicir, todos os galegos deron un paso decidido, na mellora da protección de saúde de nosos menores", aseverou.

Neste sentido, recordou que o consumo en menores "está demostrado como un problema de saúde importante", xa que "máis do 50 por cento dos menores de 14 anos que consumen alcohol remata sendo adicto".

"Máis da metade dos menores que acoden ao botellón consumen alcohol e outras drogas e a maioría dos accidentes en xente nova está asociada ao consumo de alcohol, e este é o problema máis importante do incremento 70 por cento das comas etílicas das urxencias dende o ano 2000 que atendeu o 061", comentou Farjas.

EDUCACIÓN E PREVENCIÓN

Por iso, incidiu en que se trata dunha lei que promove "a educación, prevención e corresponsabiliza a todas as institucións e administracións" e, ademais, "busca a concienciación social", engadiu.

Deste modo, reiterou a chamada "ao conxunto da sociedade para ser corresponsables na educación e prevención e na adopción de medidas que limiten o consumo entre menores" para garantir "o atraso do contacto co alcohol ata despois da maioría de idade".

Así mesmo, a conselleira de Sanidade reiterou que esta norma busca que "tódalas medidas de actuación" das administracións "revertan" nos propios programas de prevención e protección. E puntualizou que "garante a seguridade legal de todas as autoridades" e facilita que as actuacións sobre os menores revertan en actividades educativas e sociais.