SANTIAGO DE COMPOSTELA, 16 Mar. (EUROPA PRESS) -
A conselleira de Sanidade, Pilar Farjas, a través dunha carta dirixida á ministra Leire Pajín reiterou este mércores a "vontade de diálogo" da Xunta, pero esixe unha "resposta concreta" e uns "compromisos fidedignos" que "xustifiquen" unha nova reunión no Ministerio de Sanidad tras a celebrada o día 9 sobre a lei galega de racionalización do gasto farmacéutico, pola que foi creado o catálogo de medicamentos, suspendido cautelarmente polo Tribunal Constitucional.
Fontes da Consellería de Sanidade sinalaron a Europa Press que a Xunta procedeu a solicitar a Comisión Bilateral de Cooperación co Ministerio de Política Territorial e Administración Pública "no intento de alcanzar unha solución extraprocesual", segundo concreta a misiva remitida a Pajín. "Estamos á espera da resposta", engade a carta.
Deste modo, a Xunta insiste en que acudirá a Madrid a unha reunión "cando o Ministerio diga a que" van e concrete as "propostas que pon enriba da mesa que xustifiquen" o encontro. Así, insistiu a Consellería de Sanidade que realizou "múltiples achegas ao diálogo".
En concreto, na carta enviada este mércores a Pajín, Farjas recorda que se desprazaron membros do seu gabinete a Madrid para explicar persoalmente "o funcionamento do catálogo priorizado e medicamentos, a base legal que o sustenta, a capacidade de aforro que xera e a garantía das coberturas fármaco-terapéuticas ao 100% dos galegos".
"Fixemos a nosa achega atendendo á solicitude dos servizos xurídicos do Ministerio, ofrecendo un texto explicativo e de ampliación de garantías de cobertura fármacos-terapéuticas,", puntualiza a conselleira, quen reitera que na reunión do día 9 en Santiago "houbo un común acordo dos asistentes en recoñecer que o problema non era xurídicos senón político".
Non obstante, o secretario xeral de Sanidad, José Martínez Olmos, subliñou, en declaracións a Europa Press, que "non é un pulso político" e insistiu en que o Ministerio segue aberto ao diálogo para "axudar" á Comunidade Autónoma de Galicia "a que introduza as modificacións que permitan que a normativa sexa constitucionalmente válida".
"DECEPCIÓN"
En relación á carta remitida por Farjas a Pajín, o secretario xeral de Sanidade mostrou a súa "decepción" de que a Xunta "non queira dialogar" e "rexeite reunirse". Por iso, Olmos manifestou que reiterarán a Sanidade a vontade de ter un encontro "porque é o mellor xeito de manter a vontade de alcanzar un acordo".
En relación á demanda a Xunta de que se retire a petición de suspensión do catálogo feita ao TC por parte do Goberno, Olmos recalcou que o recurso foi presentado porque a lei galega "invade competencias" e "así aválao a Avogacía do Estado e o Consello de Estado nun informe xurídico", sinalando que "afecta aos dereitos dos cidadáns galegos".
"Seguimos dispostos a dialogar, afirmou Martínez Olmos, quen recalcou que "a vontade de seguir dialogando se demostra sentando", ao tempo que indicou que o Goberno central "defende o dereito dos galegos a ter o mesmo catálogo" que o resto de cidadáns españois.
Deste modo, concretou que o Goberno "defende as súas competencias para asegurar a igualdade dos cidadáns" de toda España e riscou de "paradoxal" que sexa o Executivo quen "teña que defender" a Galicia en lugar da Xunta.
AFORRAR
Fronte á postura de Sanidad, o departamento de Farjas reiterou que non renuncian ao diálogo, pero demandan "coñecer cáles son as motivacións da nova reunión" feitas polo Ministerio "que permitan chegar a un acordo".
"Non renunciamos a aforrar o que se poida mantendo as mesmas coberturas", sentenciou a Consellería de Sanidade, tras insistir na súa vontade de dialogar.
Deste modo, Farjas volveu sinalar na última carta remitida este mércores que Galicia incorporará ao texto lexislativo recorrido un apartado que concreta que "a Consellería adoptará as medidas para asegurar o financiamento polo Sergas de calquera das especialidades farmacéuticas recoñecidas como financiables polo Ministerio de Sanidade, de acordo a un procedemento que se definirá regulamentariamente".
Mentres tanto, a conselleira sinalou que os equipos xurídicos da Xunta traballan no marco ao que lles remitiu o secretario xeral de Sanidade, "elaborando as alegacións e a petición do levantamento da suspensión ante o TC", publicada este luns no Boletín Oficial do Estado.
"En ausencia dos movementos comprometidos nas sucesivas reunións, estamos á espera de que dende o Ministerio tomen as decisións que permitan alcanzar un acordo no terreo político e que pasará porque se separe nitidamente a petición de suspensión da lei de racionalización do gasto na prestación farmacéutica e da resolución pola que se aproba o catálogo priorizado, da cuestión de fondo do recurso,", conclúe Farjas.