Feijóo cre que Novacaixagalicia "coincide" coa Xunta e aposta por capitalizarse mediante un banco asociado

  Alberto Núñez Feijóo
XUNTA/PHOTOGRAPHER: XOAN CRESPO
Actualizado: lunes, 7 marzo 2011 15:11

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 7 Mar. (EUROPA PRESS) -

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, asegurou este luns que a estratexia de Novacaixagalicia pasa por capitalizarse a través dun banco asociado e viu que esta opción é "coincidente" coa aposta da Xunta.

En declaracións aos medios, o presidente galego sinalou que a estratexia de Novacaixagalicia foi manifestada a través do seu consello de Administración, onde expresou o seu "interese en pedir unha ficha bancaria". "E isto significa que o futuro de Novacaixagalicia, ao igual que as principais entidades de España, vai ir por capitalizar a través dun banco asociado e poder captar capital privado para devolver o crédito á economía", sentenciou Feijóo.

Por iso, entendeu que a estratexia da caixa galega é "coincidente" coa da Administración autonómica, que a Xunta vai "seguir mantendo".

En canto á reunión esta tarde manterán a conselleira de Facenda, Marta Fernández Currás; o director xeral de Novacaixagalicia, José Luis Pego, e o adxunto, Javier García de Paredes, Núñez Feijóo afirmou que se trata dun encontro para "contrastar cifras" e para que os directivos da caixa galega "concreten as cifras que posibilitan esa permanencia de Novacaixagalicia e esa homologación desta caixa ás caixas máis importantes de España".

"Espero e desexo que esas cifras cadren para poder remitilo formalmente ao Banco de España, cumprindo así os compromisos da última decisión do Goberno en relación coa sexta proposta de reestruturación do sistema financeiro que leva formulado o Goberno nos últimos meses", sinalou o presidente, que confiou en que Novacaixagalicia "poida seguir operando a través dun banco e que o 47 por cento do aforro galego siga repercutindo nos sectores produtivos e estratéxicos da economía". "Esta tarde imos contrastar os datos e remitilos posteriormente ao Banco de España", sentenciou.