Feijóo defende que a supresión da peaxe da AP-9 en Redondela-Vigo supón "equidade" a pesar da subida xeral

Ponte de Rande após a ampliación
EUROPA PRESS
Publicado: miércoles, 24 enero 2018 15:19

Ana Pontón (BNG) acusa ao mandatario autonómico de asinar "unha estafa" nova para os galegos e pídelle que teña "axenda" propia

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 24 Ene. (EUROPA PRESS) -

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, defendeu a supresión da peaxe no tramo Redondela-Vigo que pactaron o Ministerio de Fomento e a Consellería de Infraestruturas nunha reunión este martes, a pesar de que suporá unha nova subida das tarifas da autoestrada AP-9 que soportan o resto de usuarios. O custo deste tramo de 4 quilómetros é de 0,9 euros.

Esta supresión de peaxe súmase á bonificación que existe na ponte de Rande para os usuarios que fan o traxecto entre Vigo e Pontevedra (e viceversa) no mesmo día e con telepeaxe, aos que non se lles cobra a viaxe de volta, e cuxa compensación económica tamén ten a súa tradución nas tarifas que se pagan na vía de forma xenérica.

"O que onte (por este martes) acordamos é devolver a equidade a Galicia", proclamou Feijóo, en defensa da supresión da peaxe no tramo Vigo-Redondela. E acusou ao BNG, que formulou a pregunta parlamentaria que deu lugar a este debate, de "non dicir" que a Xunta logrou no seu día evitar custear a peaxe na sombra (pago que se fai á concesionaria por liberar un tramo de autoestrada) de Rande e A Barcala, o que supón un aforro, cifrou, duns 400 millóns de euros até 2048.

Feijóo incidiu en que as peaxes van subir polas obras de ampliación da AP-9 que se pactaron cun goberno socialista (parte da peaxe, o resto é polo IPC e polas bonificacións de Rande, que se pactaron coa ministra Ana Pastor).

"APLAUSO ESCASO"

"Déixese de buscar o aplauso escaso dos seus e póñase a traballar polo país", espetou Feijóo á portavoz do Bloque, Ana Pontón. "Un fenómeno", ironizara previamente a portavoz nacionalista dirixíndose ao mandatario galego, para criticar, a continuación, que o que se acordou este martes era que "se suban aínda máis as peaxes", que xa son "unha estafa".

Pontón incidiu en que as peaxes son "unha estafa" e preguntou ao presidente galego se o acordo partiu dunha proposta do ministro de Fomento, Íñigo de la Serna, ou da titular de Infraestruturas, Ethel Vázquez.

Na súa intervención, a dirixente nacionalista, que denunciou que cruzar de norte a sur Galicia a través da autoestrada ten un custo de 23 euros, tamén reprochou a Feijóo a súa "irrelevancia" política e que destacase as exencións fiscais do Xacobeo como un logro arrincado ao Goberno de Mariano Rajoy. Sobre este extremo, o presidente autonómico destacou que de dous anos estendéronse a tres as bonificacións.

"AXENDA GALEGA"

Ante as peticións dunha "axenda galega" formuladas polo Bloque, Feijóo advertiu a Pontón que "por suposto que sí" a ten, pero "non" é a "axenda do BNG". "Cando teño que escoller entre a axenda galega do BNG e do grupo maioritario", introduciu, antes de contestar que os galegos "non lle perdoarían que non impulsase" as medidas do seu e sí as dos nacionalistas.

Ademais, o mandatario autonómico, quen considerou que a "axenda" do BNG é a de "buscar un inimigo" ao que "culpar de todos os males", defendeu que el aposta por que as obras que se fagan na autoestrada desde agora se carguen aos orzamentos do Estado e non ás peaxes.

Así mesmo, e ante as críticas de Pontón porque Galicia está excluída por agora do corredor atlántico de mercadorías transeuropeo, mentres que Zaragoza e Pamplona foron incorporados; Feijóo tamén acusou ao PSOE desta situación. "O PP en Bruxelas votou en contra de que Vigo entrase", replicoulle a nacionalista.

Así, reclamou unha folla de ruta propia. "Pedimos unha axenda galega, pero non ten ningunha. Non ten unha axenda galega, ten unha axenda en contra dos galegos, que lle dita o PP de Madrid e que vostede executa ao pé da letra", espetou Pontón, a quen Feijóo lle advertiu de que o que non fará será aplicar a "axenda" do seu "escaso" grupo minoritario.

"Vostede votou a favor de pagar por Rande e A Barcala", díxolle Feijóo a Pontón ao acusar ao Bloque de apoiar orzamentos do Goberno de José Luís Rodríguez Zapatero no Congreso. Así mesmo, tamén lle recriminou que no "diario de sesións figura que o BNG votou en contra da transferencia da AP-9", unha titularidade que reclama o Parlamento de Galicia por unanimidade desde hai varios anos e que o Bloque impulsou no seu día tamén.

Pontón acusou ao mandatario autonómico de "querer liquidar este país" e instou a que "non permita que o Estado lle siga tomando o pelo aos galegos e impulse unha axenda galega". "Xa está ben de comportarse como un subordinado de Rajoy", recriminou nun debate no que tamén pediu a "modernización do ferrocarril" e onde ironizou con que o AVE chegará antes "á lúa" que a Galicia.

"HABITACIÓN PECHADA"

O presidente da Xunta concluíu que a dirixente nacionalista considera que "Galicia é unha habitación pechada da que non se pode entrar nin saír". "Danlle igual os acordos cos ministros", lamentou, en referencia non só ás bonificacións do Xacobeo, senón a outros como lograr máis prazas de balnearios no Imserso ou un decreto para sinalar a orixe do leite.

Isto levouno a acusar ao BNG de que, en realidade, son os nacionalistas galegos os que non teñen "axenda propia". "Quere o sistema de cota porque o teñen os vascos e o independentismo catalán. Non teñen nin axenda nin nacionalismo propio, é un nacionalismo de curta e pega", sentenciou.