Feijóo garante que todas as familias que se quedaron sen praza de gardaría terán axudas

Fotos Xunta. Escolá Infantil Burela.
XUNTA DE GALICIA
Publicado: viernes, 22 septiembre 2017 15:21

   Destaca que o Bono Concilia, do que o ano pasado se beneficiaron 2.600 familias, terá ata 3.500 beneficiarios

   LUGO, 22 Sep. (EUROPA PRESS) -

   O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, garantiu este venres "o compromiso coa atención integral á familia" con novas prazas de gardarías e con "máis e mellores" infraestruturas. Tamén asegurou que "todas" as familias que se quedaron sen praza na 'Rede Galiña Azul' serán atendidas con axudas económicas directas.

   Durante unha visita á nova escola infantil pública de Burela, na que tamén participou o conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, Feijóo lembrou que, para este curso escolar 2017-2018, a Xunta puxo a disposición das familias ao redor de 22.500 prazas públicas ou sostidas con fondos públicos en escolas infantís de 0 a 3 anos.

   "E como fixemos no actual curso, atenderemos a todas as familias que se quedaron sen praza na 'Rede Galiña Azul' a través do 'Bono Concilia', con axudas directas que oscilan entre os 45 e os 250 euros ao mes", engadiu.

   Nesta liña, subliñou que, se o ano pasado beneficiáronse deste programa 2.600 familias, a previsión é que a convocatoria deste ano a cifra aumente ata os 3.500 beneficiarios.

   Tamén remarcou que o Executivo autonómico pon a disposición dos galegos outras ferramentas como as casas niño, un servizo de atención continuada á infancia de ata 3 anos de idade para núcleos rurais; e as escolas infantís en contornas empresariais.

A MARIÑA

   No que respecta á nova gardaría dos Castros, Feijóo destacou que esta infraestrutura pon a disposición das familias do concello da Mariña 41 novas prazas máis de educación de 0 a 3 anos, sete profesionais e un servizo de comedor que estará dispoñible a partir do 1 de outubro.

   Igualmente, destacou as obras de mellora na escola infantil de Burela, cun investimento de case 13.000 euros. Ambas escolas fan que o municipio dispoña dun total de 163 prazas da rede autonómica.

    Feijóo destacou, do mesmo xeito, as prazas públicas para a atención aos maiores e ratificou o seu compromiso con outras infraestruturas como a vía de alta capacidade da costa, e a ampliación do hospital da Mariña.