Feijóo recrimina a Sánchez que "non merece ser presidente cuns partidos que non cren en España"

Feijóo recrimina a Sánchez que "non merece ser presidente cuns partidos que non cren en España"
EUROPA PRESS
Publicado: miércoles, 24 abril 2019 22:06

O líder do PP de Galicia chama a "concentrar o voto" para frear un "goberno dos separatistas, socialistas e populistas"

OURENSE, 24 Abr. (EUROPA PRESS) -

O presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, acusou a Sánchez de querer ser "presidente custe o que custe". "Ninguén se merece ter un presidente do goberno cuns partidos que non cren en España", subliñou en alusión a Pedro Sánchez, que "entregou ao país ao conxunto de partidos que non queren que exista este país".

"Cando dividimos o voto goberna a esquerda mentres que cando nos unimos goberna o PP e gana España", afirmou este mércores durante un mitin en Ourense. Tamén apuntou que os votos a Vox e Cs só benefician a Pedro Sánchez.

Para o líder dos Populares de Galicia "unir o voto" é a única forma de que Sánchez non se converta outra vez en presidente do goberno. Por este motivo, chamou a unha "mobilización masiva" ás urnas o vindeiro domingo, 28 de abril.

"Para que non gañen os que non merecen gañar e perdamos os que gobernamos a España nos momentos de maior dificultade", deste xeito Feijóo pediu o voto ao Partido Popular. Engadiu que "ningún outro partido ten a solidez para ser un partido de goberno".

O dirixente popular dixo que "existen aínda máis motivos que antes" para votar ao PP posto que agora teñen coñecemento dos riscos que antes non coñecían como son "a inestabilidade do goberno do país, a frivolidade, a superficialidade e a irresponsabilidade".

"Dividir os votos entre tres só fará que Pedro Sánchez se salga coa súa e ter un goberno dos separatistas, socialistas e populistas". Por este motivo, dixo lamentar profundamente que Vox e Cidadáns non sexan honestos cos intereses dos cidadáns.

Durante a súa intervención tamén ironizou con que a Sánchez gustaríalle ter este mércores un terceiro debate "para solucionar a malleira que lle deu o PP nos outros dous".

"SÁNCHEZ FAI BO A ZAPATERO"

O presidente do PP de Ourense, Manuel Baltar, dirixiu a súa intervención na mesma liña que Feijóo aludindo que "votar a verdes e laranxas é tirar o voto". Así mesmo puxo de manifesto "a gran diferenza do PP" fronte a estes e é que "os populares son galeguistas e centristas".

"A primeira letra de Pedro Sánchez é a P e a última a Z, todo conduce a ZP", reflexionou Baltar. A candidata ao Congreso por Ourense Ana Vázquez dixo que "Pedro Sánchez é un presidente que fai bo a Zapatero".

Ana Vázquez mandoulle senllas mensaxes a Cs e Vox. "Aos das pistolas" díxolle que o que o PP quere son "máis medios e corpos de seguridade do Estado". Mentres que "aos naranjitos" subliñoulle que os Populares queren "vivir en paz e concordia". "Para que teña futuro Galicia e Ourense só valemos o Partido Popular", sentenciou.

A VOLTA DAS POLÍTICAS RACIONAIS

Así mesmo, o candidato á alcaldía de Ourense, Jesús Vázquez, subliñou que faltan catro días para que "volvan as políticas racionais", cun goberno liderado por Pablo Casado, que "porá fin aos ataques baleiros da Constitución".

"Votar é gratis pero pódenos saír moi caro", parafraseou a Casado no debate do pasado martes. "É hora de dicir nunca máis a Pedro Sánchez e a un goberno que funciona a golpe de decretazos, dirixido por separatistas, no que se destruíu moito máis do conseguido", concluíu.