Fiscalía denuncia por supostas coaccións e prevaricación ao alcalde de Ponteceso (A Coruña)

Publicado: viernes, 9 diciembre 2016 18:23

O rexedor avanza que convocará unha rolda de prensa tras unha denuncia que partiu do comité de empresa

A CORUÑA, 9 Dic. (EUROPA PRESS) -

O Ministerio Público denunciou por un suposto delito de prevaricación e outro de coaccións ao alcalde de Ponteceso (A Coruña), o socialista Xosé Lois García Carballido, tras a denuncia formulada polo comité de empresa, segundo confirmaron a Europa Press fontes de Fiscalía.

En concreto, o primeiro en presentar denuncia, ante o Ministerio Público, foi o comité de empresa do Concello por "suposto acoso e persecución contra o persoal funcionario e laboral da Casa do concello", apuntaron as mesmas fontes.

Foi nese momento cando a Fiscalía abriu unhas dilixencias de investigación penal nas que se constatou "que podía haber indicios dun posible delito por prevaricación e por coaccións", motivo polo que, finalmente, o Ministerio Público presentou denuncia no xulgado.

COMPARECENCIA ANTE OS MEDIOS

Sobre esta causa, que tería relación con supostas situacións de "acoso" a persoal municipal e tamén cambios nas condicións laborais, o rexedor preferiu manter silencio.

En declaracións a Europa Press, remitiuse a unha rolda de prensa que ten previsto convocar xunto ao resto do grupo de goberno, segundo precisou. Ata esa comparecencia informativa, evitou pronunciarse sobre a decisión da Fiscalía ou sobre a denuncia presentada polo comité de empresa.