Un home resulta ferido ao envorcar o camión que conducía en Viana do Bolo (Ourense)

Publicado: viernes, 19 octubre 2018 20:01

Ferido outro home nun accidente co tractor que conducía en Arzúa (A Coruña)

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 19 Oct. (EUROPA PRESS) -

Un home resultou ferido ao envorcar o camión que conducía pola estrada OU-533, ao seu paso pola parroquia de Pradocabalos, no municipio ourensán de Viana do Bolo.

Segundo informou o CIAE 112 Galicia, un particular informou o accidente sobre as 18,30 horas e indicou que o camión "fixera a tesoira" e que "o condutor non podía saír do interior".

Con estes datos, o 112 avisou ao 061-Urxencias Sanitarias e aos membros do GES da Gudiña, que se desprazaron ao momento co equipo de excarceración. Ao mesmo tempo, persoal sanitario comunicaba ao 112 que o helicóptero medicalizado con base en Ourense dirixíase ao momento.

Os xestores do CIAE tamén informaron os Bombeiros de Verín e, ademais, solicitaron a colaboración dos axentes de Tráfico, da Policía Local e a do persoal do servizo de mantemento da estrada.

Nestes momentos, os servizos de emerxencias atópanse traballando no lugar dos feitos.

ACCIDENTE DE TRACTOR EN ARZÚA

Por outra banda, outro home resultou ferido nun accidente co tractor que manexaba nunha leira particular do lugar de Ferradal, Oíns, no municipio coruñés de Arzúa.

Conforme indicou o 112 Galicia, o ferido estaba totalmente accesible, polo que, non foron necesarios os medios de excarceración para a súa evacuación. Iso si, debido á gravidade do accidente, persoal sanitario informaba ao 112 da saída do helicóptero medicalizado con base en Santiago cara ao lugar.

A partir de aí, os xestores de emerxencias informaron da situación aos axentes de Tráfico, da Policía Local, aos Bombeiros de Arzúa e aos efectivos de Protección Civil.

Finalmente, persoal do 061 confirmou o traslado da persona ao Hospital Clínico Universitario de Santiago de Compostela.