Máquina transformadora y locomotora del tren descarrilado en Angrois
Foto: EUROPA PRESS
Actualizado: martes, 22 julio 2014 20:47
av2" class="NormalTextoNoticia" itemprop="articleBody">

Lago Louro incorpórase este agosto a unha instrución marcada pola hipótese de Aláez e a decisión que tome a Audiencia Provincial

   SANTIAGO DE COMPOSTELA, 22 Jul. (EUROPA PRESS) -

   A investigación xudicial sobre as causas que provocaron un dos sinistros ferroviarios máis graves dos últimos anos, o dun tren Alvia á entrada de Santiago, no compostelano barrio de Angrois o pasado 24 de xullo, acumula máis de 40 tomos cando se cumpre o primeiro aniversario da traxedia.

   Faino nunha situación de 'impasse', á espera da estrea do novo xuíz designado como titular do xulgado que instrúe a causa, Andrés Lago Louro, e da resolución da Audiencia Provincial de A Coruña sobre os recursos ás imputacións da excúpula do administrador de infraestruturas ferroviarias (Adif).

   O que non variou, 12 meses despois, é o panorama para o maquinista, Francisco Garzón Amo, que conducía despistado tras recibir unha chamada momentos antes do accidente e permanece en liberdade imputado por 79 delitos de homicidio, tantos como vítimas mortais provocou o sinistro, e unha pluralidade de delitos de lesións, todos eles cometidos por imprudencia profesional.

   O ata agora instrutor da causa, Luis Aláez, obtivo a principios de ano a praza de titular do Xulgado do Penal número 1, pero seguiu á fronte do Xulgado de Instrución número 3 da capital galega ata que o novo titular se incorporou, o pasado 20 de xuño.

A HIPÓTESE QUE HERDA O NOVO XUÍZ

   Lago Louro, que anteriormente ocupou os xulgados de Primeira Instancia e Instrución número 1 de Cistierna (León) e número 2 de Corcubión (A Coruña), herda unha investigación marcada pola sospeita por parte do seu antecesor de que o despiste do condutor non foi o único causante do sinistro, senón que houbo tamén responsabilidade por parte do encargado de supervisar os sistemas de seguridade na liña, Adif, administrador de infraestruturas ferroviarias, dependente do Ministerio de Fomento.

   A hipótese de Aláez, que concorda coa que mantén o avogado defensor de Garzón Amo, é que os responsables de Adif incrementaron o risco no tramo Ourense-Santiago "de forma moi significativa" coa súa decisión de executar "un novidoso e complexo enlace ferroviario que non ten as medidas de seguridade abonda", tal e como recolle o auto do pasado 9 de maio co que imputou á excúpula deste organismo.

   Non obstante, esta liña de investigación do xuíz Aláez xa recibiu un revés por parte da Audiencia Provincial en novembro, cando deixou sen efecto as imputacións a 22 exaltos cargos e cinco técnicos de Adif en resposta ao recurso interposto polo propio ente estatal, a través da Avogacía do Estado.

   Agora, hai apenas catro días, os maxistrados da Audiencia volveron atopar ante a mesma deliberación, aínda pendente de resolución: a que lles obriga a pronunciarse sobre os recursos de Avogacía do Estado e Fiscalía ás imputacións a unha ducia de exresponsables que formaban parte do consello de administración do administrador de infraestruturas ferroviarias en decembro de 2011, cando o ministro José Blanco inaugurou a liña.

   A devandita decisión será determinante para o traballo do novo instrutor, quen pediu as vacacións durante o mes de xullo, precisamente, para dedicar todo agosto --cando baixa a actividade nos xulgados-- a poñerse ao día co vasto sumario.

A PERPLEXIDADE DAS VÍTIMAS

   As vítimas expresaron a súa perplexidade entón e continúan agora criticando os obstáculos á instrución xudicial, visualizada na actitude do presidente de Adif en 2011, Antonio González Marín, e o director de seguridade na circulación por aquelas datas, Andrés Cortabitarte López, os que, xunto a outros nove vogais do consello, se negaron a declarar o pasado mes de maio ante Aláez. A eles sumóuselles o actual interventor xeral do Estado, José Carlos Alcalde, quen foi citado máis tarde por erro pero optou pola mesma estratexia de non colaboración o 16 de xuño.

   Aláez sostén que "a solución adoptada para garantir a seguridade nese tramo pode ser riscada de ilegal á par que insuficiente" xa que "exporta o control da velocidade do tren aos axentes de condución ou maquinistas para que cheguen á curva á velocidade axeitada de forma incorrecta, xa que nos instrumentos básicos do seu traballo, que son o libro horario e cadro de velocidades máximas e a sinalización na vía, se lle dan indicacións imprecisas e contraditorias (...)".

   Os maxistrados da Audiencia pedíronlle a finais de ano avais técnicos para soster a devandita afirmación, algo que o xuíz viu acreditado nos informes encargados a peritos.

   De seis, fóronlle entregados cinco --un da parte de Adif--, e tres deles --dous enxeñeiros de telecomunicacións, un designado perito xudicial e outro pola aseguradora de Renfe e o experto nomeado polo letrado do maquinista-- concluíron que había carencias de seguridade e incongruencias na vía. De feito, os dous primeiros coincidiron en que, de estar instalado o ERTMS --sistema de control constante de velocidade dos trens-- en toda o traxecto, como se consideraba no proxecto inicial, o accidente non se produciría.

   Ao respecto, Aláez acusou o administrador de "incrementar o risco para a vida de miles de persoas" cambiando o sistema de seguridade ERTMS polo ASFA por "motivos comerciais". Nun auto previo ás novas imputacións, responsabiliza a Adif de realizar o cambio de sistema de seguridade co único obxectivo de conseguir unha "insignificante redución nos custos" da obra e "minutos menos de viaxe" para os pasaxeiros, co consecuente "déficit de seguridade" na curva de A Grandeira.

O AVISO SOBRE A PERIGOSIDADE DA CURVA

   A maiores, outra peza clave para a investigación nos últimos meses foi o coñecemento, en xaneiro, de que houbo un aviso dun xefe de maquinistas da provincia de Ourense sobre a perigosidade da curva --alertado polos propios condutores--, que coñeceron polo menos 10 cargos de Renfe. A raíz desta revelación, achegada polo avogado do maquinista, o xuíz chamou a declarar en marzo os implicados na devandita comunicación.

   Non obstante, na liña da actitude de cargos de Adif, o responsable da xerencia de seguridade na circulación de Renfe, Anxo Lluch, sostivo ante o xuíz que non recibiu o correo enviado polo xefe de maquinistas, José Ramón Iglesias Mazaira, ano e medio antes do tráxico accidente.

Más noticias