Investigadores da UVigo detectan máis de 2.000 neoloxismos en lingua galega no último ano

Investigadores da UVigo detectan máis de 2.000 neoloxismos en lingua galega no último ano
DUVI
Publicado: miércoles, 24 abril 2019 18:55

Entre eles están 'deseucaliptizar', 'webisodio', 'cibercrime' ou 'neorretranca'

VIGO, 24 Abr. (EUROPA PRESS) -

Investigadores do Observatorio de Neoloxía da Universidade de Vigo elaboraron un informe no que se recollen máis de 2.000 neoloxismos en lingua galega que foron identificados no último ano, e extraídos de publicacións en liña.

O equipo dirixido polos profesores Xosé María Gómez Clemente e Alexandre Rodríguez Guerra, do que tamén forman parte as investigadoras Ana Fernández Berrocal, Gema Rocha Molina e Anabel Garrido García, destacou algúns casos "por producir un impacto neolóxico moi salientable", como 'sexodiversidade', 'webisodio' (episodio dunha serie producida para internet), 'neorretranca', 'deseucaliptizar' ou 'ecocabicha'.

Así mesmo, apuntaron tamén como interesantes certos "préstamos", como 'podcasting', 'hater' (aplicado a redes sociais) ou 'mentoring'; ou "compostos" como 'cibercrime', 'bioinformática' ou 'ecocidade'.

Os investigadores precisaron que a maior parte destas palabras créanse a partir de procedementos identificados como formais ('anti-austeridade', 'recuncamento', 'autopublicidade',...); pero tamén hai unha parte que son extranxeirismos sen adaptar ('quiche', 'photocall', 'fake news',...) ou neoloxismos semánticos ('tuiter', 'tubo',...).

"VITALIDADE" DA LINGUA GALEGA

Con este informe na man, o Observatorio conclúe que a "vitalidade" da lingua galega é semellante á da española ou a portuguesa.

Para que unha palabra sexa considerada neoloxismo debe cumprir algunhas características e, aínda que o feito de non estar no diccionario pode ser un indicio, "necesítase comprobar se hai un criterio obxectivo de novidade na palabra, se é percibida como tal polos falantes e se se pode documentar unha determinada extensión do seu uso".

A Neoteca da Universidade de Vigo contén actualmente máis de 10.000 rexistros neolóxicos identificados e documentados nun 'corpus' de prensa en lingua galega publicada desde 1997. Cada rexistro inclúe información contextual, datación, fonte, categoría gramatical e procedemento de formación léxica.