Lago remarca que o novo nome do Grupo de En Marea decidirase "sen inxerencias externas"

O portavoz parlamentario de En Marea, Manuel Lago, e a deputada Eva Solla nunha rolda de prensa na Cámara galega
EUROPA PRESS
Publicado: lunes, 8 julio 2019 14:59

   Lago cre que Galicia en Común "é un nome máis" sobre a mesa e Gómez-Reino di que esa marca "representa" ao grupo parlamentario

   SANTIAGO DE COMPOSTELA, 8 Jul. (EUROPA PRESS) -

   O portavoz parlamentario de En Marea, Manuel Lago, remarcou que a nova denominación para o grupo na Cámara decidirase a través de "un debate interno" e "sen inxerencias externas", á vez que afirmou que a marca Galicia en Común "é un nome máis" dos que están sobre a mesa.

   Así se expresou a preguntas dos medios este luns o portavoz na Cámara de En Marea, que confirmou que traballan en rebautizar o grupo após a saída de Luís Villares e outros tres deputados ao Grupo Mixto, quen reivindican para si a representatividade do partido instrumental En Marea, aínda que non poderán asumir ese nome no Pazo do Hórreo ao non alcanzar o mínimo de parlamentarios para configurar grupo propio.

   "É mellor non abundar na confusión. Este grupo representa o que foi o apoio popular a En Marea (en 2016)", subliñou Lago, que incidiu en que "os dez deputados" que non se foron ao Mixto "aínda" son "oficialmente En Marea".

   "Mentres non cambiembos o nome hai cinco grupos: o Grupo Mixto, BNG, En Marea, PSdeG e PP", insistiu antes de sinalar que "o proceso" para cambiar a denominación da agora terceira forza na Cámara "está avanzado", aínda que "non hai unha data concreta" para que quede resolto.

   Cuestionado sobre se é partidario de que o grupo se rebautice coa marca Galicia en Común, Manuel Lago --independente aínda que próximo a Esquerda Unida-- apuntou que "é un nome máis" dos que están sobre a mesa, pero insiste en que os deputados buscarán a denominación que "mellor reflicta" o sentir común da realidade do conxunto dos parlamentarios.

PODEMOS GALICIA

   "Máis aló do nome, o espazo político que representou Galicia en Común nas eleccións xerais representa ao actual grupo parlamentario (en Galicia)", indicou o secretario xeral de Podemos Galicia e deputado no Congreso, Antón Gómez-Reino, que ofreceu este luns unha rolda de prensa en Santiago.

   Alí, indicou que comparte que sexa o propio grupo quen, internamente, acorde a nova nomenclatura no Pazo do Hórreo e o resto de decisións que deben abordar, como a repartición de responsabilidades após a ruptura con Villares e os seus deputados afíns. "Irase anunciando cando estea pechado", apostilou.

   Pola súa banda, o portavoz parlamentario do Grupo Mixto e referente de En Marea partido, Luís Villares, evitou pronunciarse sobre o debate do nome na Cámara para os seus excompañeiros, aos que solicitou, unha vez confirmada a súa marcha, que cambiasen a denominación na Cámara tendo en conta que renegan do partido instrumental.

   "Hai que mirar para adiante", indicou Villares, que apela a "deixar atrás todo o que teña que ver co pasado" para apostar "por unha acción política decidido" de cara a "resolver os problemas" da xente.

MARTIÑO NORIEGA

   Doutra banda, Manuel Lago e Antón Gómez-Reino tamén se referiron ás declaracións do portavoz nacional de Anova e deputado de En Marea, Antón Sánchez, nas que, durante unha entrevista radiofónica, asegurou que o exalcalde de Santiago Martiño Noriega é "para moitas persoas" do espazo político "un referente".

   "É unha persona capaz de liderar espazos plurais e ademais unha persona nova e creo que vai ter un compromiso político para sempre", apuntou o líder de Anova sobre o seu compañeiro de partido Martiño Noriega, un dos fundadores da formación nacionalista e a súa coportavoz durante os seus primeiros anos de vida xunto co histórico Xosé Manuel Beiras.

   Sobre a posibilidade de que o ex rexedor de Santiago e Teo se convirta no candidato á Xunta do espazo rupturista nas próximas eleccións autonómicas, Gómez-Reino apuntou que Noriega "é unha persona importante" que nestes momentos é o encargado de "ser a cabeza da oposición" na corporación compostelá en virtude do decidido polas bases de CA. "Non nos corresponde entrar nese tipo de cousas", apostilou o deputado de Galicia en Común no Congreso dos Deputados.

   "A gran calidade que ten, tivo e terá este esapazo político plural no conflúen colectivos e persoas, é que hai moitas persoas capacitadas para ser candidatos", manifestou Manuel Lago, quen reivindica "o enorme banco" que, di, ten a esquerda rupturista en Galicia para "exercer liderados".