Leiceaga traslada o seu pésame ás vítimas e pide deixar traballar ao "bo" sistema de emerxencias que temos

El candidato del PSdeG a la Presidencia de la Xunta, Xoaquín Fernández Leiceaga
EP/PSDEG-PSOE
Actualizado: viernes, 9 septiembre 2016 12:25

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 9 Sep. (EUROPA PRESS) -

O candidato do PSdeG á Presidencia da Xunta, Xoaquín Fernández Leiceaga, trasladou as súas "condolencias" aos familiares das vítimas do accidente ferroviario que tivo lugar este mesmo venres na localidade pontevedresa do Porriño. "Queremos manifestar o noso apoio nestes momentos difíciles", subliñou.

En declaracións aos medios tras decidirse a suspensión dos actos da campaña ao longo desta xornada, o socialista relatou que tamén contactou coa alcaldesa do Porriño, Eva García, para transmitirlle o seu "apoio moral".

"Agora son os equipos técnicos os que teñen que estar a traballar sobre o terreo para solucionar as dificultades das persoas que viaxaban no tren", proseguiu, partidario de deixar que o "bo" sistema de emerxencias de que dispón Galicia poida "facer o seu traballo con eficacia e prontitude, como é habitual".

É por iso que inicialmente declinou achegarse ata o lugar do sinistro, toda vez que non ten "responsabilidades nin competencias de xestión". "A miña presenza mesmo pode ser un problema, en vez de axudar a que as cousas funcionen", reflexionou.

"Obrigaría a unha atención por parte das autoridades, que están a outra cousa... E eu creo que se trata de non ocasionar molestias, senón de facer que as cousas funcionen con normalidade", apostilou Leiceaga, sen deixar de facer fincapé na importancia de "respectar" o traballo que se está a levar a cabo sobre o terreo.

Adicionalmente, deu conta de que a rexedora porriñesa lle indicou que se puxo un autobús a disposición das persoas que se atopan "en bo estado" e que os traslados aos centros sanitarios se están a producir "con normalidade".