En Marea centrará o seu acto do 25 de Julio no ecoloxismo para avanzar cara a "unha Galicia verde"

O portavoz de En Marea, Luís Villares, e os membros da coordinadora Ana Seijas e Adrián Deus na presentación dos actos do Día de Galicia
EN MAREA
Publicado: viernes, 19 julio 2019 15:09

   A cita será no compostelán parque de Vista Alegre

   SANTIAGO DE COMPOSTELA, 19 Jul. (EUROPA PRESS) -

   En Marea centrará o seu acto político para celebrar o 25 de xullo, Día de Galicia, na defensa do medio ambiente e como crítica ao "modelo industrial do goberno de Feijóo baseado na contaminación e a corrupción".

   O portavoz orgánico da formación, Luís Villares, ofreceu este venres unha rolda de prensa na que, acompañado pola viceportavoz da dirección, Ana Seijas, presentaron a programación de cara ao 25 de xullo, o primeiro após a ruptura do espazo político da chamada 'unidade popular' agrupado até este ano en torno ao partido instrumental.

   Así, a organización que encabeza o xuíz en excedencia conmemorará o Día de Galicia no parque de Vista Alegre, en Santiago, onde organizan unha xornada de convivencia, reivindicación e música en torno ao "ecoloxismo político", unha das "teses de saída" aprobadas no plenario do pasado sábado, no que En Marea puxo un "punto e aparte" na súa traxectoria coa vista posta nas eleccións do próximo ano, ás que concorrerán en solitario.

   "O dez anos de goberno de (Alberto Núñez) Feijóo deixan a conclusión de que é un goberno agresivo e respectuoso co medio ambiente, que non escoita cal é a pulsión do futuro; e que non está a facer os deberes no que se refire á transición ecolóxica. As políticas do Partido Popular contaminan o futuro de Galicia", aseverou Villares.

   Por iso, reivindica unha "patria verde" na que "o medio ambiente e a transición ecolóxica" sexan "eixos" do discurso de En Marea e da súa celebración do Día de Galicia. "A nosa forma de reivindicar o país é reivindicar un futuro onde a cidadanía teña cabida", incidiu.

XORNADA

   Así as cousas, a xornada que En Marea prepara para o 25 de xullo arrincará no parque de Vista Alegre cun taller de instrumentos musicais feitos con materiais reciclados, seguido de "un concerto didáctica", segundo indicou Ana Seijas.

   A continuación, terá lugar o acto político en que, ademais de representantes de En Marea, participarán membros de colectivos sociais e ecoloxistas como a plataforma contra a Mina de Touro.

   Unha vez concluído, está prevista unha comida de confraternización e, xa pola tarde, a presentación do proxecto de "árbores que non arden", que busca visibilizar o traballo das mulleres dos servizos de extinción de indencios.