En Marea cre que "a mochila" de Feijóo provocou a súa decisión e vaticina que "terminará derrotado" como Fraga

Luís Villares, líder de En Marea
REMITIDA
Publicado: lunes, 18 junio 2018 21:30

   "Galicia non é un premio de consolación para os que teñen medo de perder unhas primarias", di Villares

   SANTIAGO DE COMPOSTELA, 18 Jun. (EUROPA PRESS) -

   O portavoz de En Marea, Luís Villares, cre que a decisión do xefe do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, de non optar á Presidencia do PP e permanecer na Xunta débese a que a súa "mochila" ten "demasiado peso"; o que facía que tivese "máis pasado que futuro" á hora de facer fronte un proceso de renovación como o que afrontan os populares.

   "Feijóo non concorre á carreira sucesoria porque sabe que non o queren. Ao final, ao pasado de Feijóo acabou co seu futuro", declarou este luns Villares minutos despois de que o presidente galego descartase dar o salto á política nacional alegando que ten un compromiso cos galegos até 2020.

   Así, ante a continuidade do popular en San Caetano, o portavoz rupturista lanzou unha mensaxe dirixida a Feijóo: "Galicia non é un premio de consolidación para os que teñen medo de perder unhas primarias".

   Deste xeito, vaticinou que o político de Os Peares "acabará como acabou Fraga: derrotado". "Feijóo non opta porque sabe que o seu ciclo político está acabado", remarcou Villares, para, a continuación, afirmar que Galicia "non merece un presidente de cartón pedra".

"PESADA MOCHILA"

   "As fotos con Marcial Dorado nun barco talvez non fosen máis que a punta do iceberg", asegurou o maxistrado lucense, que defende que "o peso" da "mochila" que carga Feijóo foi o desencadenamento da súa decisión de permanecer na política autonómica.

   Deste "pasado escuro", como o definiu, Villares rescata as súas "amizades co narcotráfico" ou casos de corrupción como o 'Campión' ou a 'Pokémon', así como que o seu Goberno "deixase morrer a oito enfermos de hepatite C mentres esperaban por un medicamento que existía na farmacia".

   "Isto é o que a sentenza da Gürtel ensínalle ao PP. E Feijóo representa o peor da Gürtel, un pasado envelenado travestido de futuro", remarcou Villares, para logo preguntarse "por que os galegos" teñen que "querer o que o PP non quere". "Feijóo non vale para remontar a imaxe corrupta, antidemocrática e antisocial que ten o PP en España", apostilou.

   Así as cousas, o portavoz de En Marea conclúe que o presidente da Xunta "non é o merlo branco" que o PP "quería vender" e que, após "dous anos de desprezo", Galicia ten "que quedar con alguén que non vale para rexenerar o PP e que representa o peor da vella política".