En Marea pide un novo Plan Sectorial Eólico para "conservar os valores ambientais" e "fomentar o autoconsumo"

Antón Sánchez durante a rolda de prensa.
PEDRO DAVILA-EUROPA PRESS
Publicado: lunes, 19 agosto 2019 18:08

Critica a "complicidade" da Xunta coas multinacionais do sector, que acaparan "máis do 90%" do negocio en Galicia

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 19 Ago. (EUROPA PRESS) -

O grupo parlamentario de En Marea presentará para o seu debate no próximo pleno do Parlamento de Galicia unha proposición non de lei que insta á Xunta a elaborar un novo Plan Sectorial Eólico para "conseguir un modelo respectuoso coa conservación dos valores ambientais, paisaxísticos e patrimoniais", así como "fomentar a xeración distribuída e o autoconsumo" para evitar grandes parques que supoñen "graves impactos" ambientais e paisaxísticos.

Tal como sinalou este luns nunha rolda de prensa o seu viceportavoz, Antón Sánchez, este novo plan necesitará un procedemento de participación social para a súa elaboración, con formas de consulta aberta con asociacións e colectivos ecoloxistas, culturais, sociais, propietarios de montes, entre outros, para "obter propostas" e crear o borrador.

"Unha vez elaborado devandito borrador, abrirase un novo prazo, non inferior a seis meses, para que todos os colectivos consultados e a cidadanía en xeral poida presentar alegacións", indicou Sánchez, quen destacou a importancia de apoiar con financiamento e asesoramento público as iniciativas cooperativas de produción de enerxía "onde a poboación local, comunidades de montes e outras fórmulas comunitarias sexan os protagonistas".

Un dos principios que ten que seguir, ao seu xuízo, este novo plan é que procure o máximo retorno social da explotación dos recursos, "dando prioridade a proxectos de explotación públicos e cooperativas", e que, nos novos proxectos de iniciativa privada, e non dedicados ao autoconsumo, "dar prioridade a aqueles que contemplen e faciliten a participación pública".

"CÓMPLICE"

Todo iso após criticar as actuacións do Goberno galego no ámbito da enerxía eólica, e tachalo de "cómplice" e de "facilitar o traballo" ás multinacionais, que acaparan, segundo as súas cifras, máis do 90% do negocio eólico galego. "Onde deberiamos ter un recurso para xerar rendas aos habitantes do rural, o que temos é un negocio ás costas da nosa xente", apostilou.

Antón Sánchez defendeu que as leis aprobadas no Parlamento deberían defender o interese xeral, polo que considerou que isto "non ocorre" no caso do sector eólico que é "un negocio privado moi suculento".

"É un modelo que se realiza sen respecto polo país e sen respecto pola xente", lamentou Sánchez, pondo de exemplo o que ocorre en concello como Triacastela e Samos (Lugo), onde se está construíndo un parque eólico "dentro dun espazo que deberá estar preservado" por formar pare da Rede Natura.

Tamén criticou a aprobación do Proxecto Sectorial de Incidencia Supramunicipal no DOG do 14 de agosto, que se fixo para "vestir o santo, para legalizar obras que xa se estaban realizando ilegalmente". "Fíxose ocultando información, da forma máis opaca posible", lamentou.

NOME DO GRUPO

Noutra orde de cousas, preguntado polos xornalistas cando se coñecerá se o grupo parlamentario de En Marea modificará o seu nome, despois de que Luís Vilalres e os seus deputados afíns pasasen ao Grupo Mixto, Antón Sánchez indicou que "cando se tomen as decisións serán comunicadas".

Tamén cuestionado sobre se a deputada Yolanda Díaz podería ser a candidata deste grupo ás eleccións galegas, Sánchez resolveu o tema dicindo que "non toca falar diso" neste momento.