A montaña de Lugo e Ourense estará este luns en alerta laranxa por acumulacións de neve

Neve na provincia de Lugo.
DIPUTACIÓN DE LUGO - Archivo
Publicado: domingo, 15 diciembre 2019 18:55

A costa galega permanecerá tamén no nivel laranxa por mar combinado con ondas que poden alcanzar os 7 metros

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 15 Dic. (EUROPA PRESS) -

A Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Xunta activou para este luns a alerta laranxa na montaña de Lugo e Ourense, debido a que a Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet) espera acumulacións de neve de até 20 centímetros por encima dos 1.000 metros de altitude.

A pesar de que Meteogalicia mantiña a xornada deste luns en aviso amarelo para as zonas máis orientais da Comunidade, o Goberno galego decidiu elevala a un nivel laranxa que se iniciará nas primeiras horas da mañá.

En caso de nevadas, a Dirección Xeral de Emerxencias e Interior recomenda "evitar viaxes en automóbil sempre que non sexan necesarios" e "levar sempre o depósito cheo".

Ademais, este departamento da Xunta aconsella "usar a roupa e o calzado adecuado", ter a man "lanternas e candeas", así como evitar que as persoas maiores "saian á rúa".

ALERTA LARANXA EN COSTA

Na costa galega continuará até as 15,00 horas da tarde do luns a alerta laranxa decretada xa este sábado. Prevese que este fenómeno deixe mar combinado do noroeste con ondas de 5 a 6 metros que, mesmo, poderían alcanzar os 7.

Debido ao temporal no litoral, a Administración recomenda "permanecer lonxe da liña de costa e das praias e paseos marítimos" para evitar golpes de mar, así como "evitar aproximarse" a zonas que poidan ser varridas pola auga.

A Xunta, a través do Centro de Atención ás Emerxencias 112 Glaicia, xa informou da situación ás institucións municipais e provinciais afectadas, a clubs náuticos e a outros servizos coa fin de que se adopten as medidas oportunas "para garantir a seguridade dos bens e das persoas".