Noriega defende que Villares "ten que ter unha figura central" en En Marea

Martiño Noriega
EUROPA PRESS
Actualizado: lunes, 16 enero 2017 14:46

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 16 Ene. (EUROPA PRESS) -

O covoceiro de Anova e alcalde de Santiago, Martiño Noriega, defende que Luís Villares, "como voceiro parlamentario, ten que ter unha figura central na construción do novo espazo político" de En Marea.

A preguntas da prensa sobre se é partidario dunha portavocía coral para a formación, Noriega asegurou que el avala "o que apoia o conxunto da organización", pero afirma sobre Villares que "non tería sentido que el non tivese unha centralidade no proceso e no espazo".

Despois de que as deputadas de En Marea no Congreso Yolanda Díaz (Esquerda Unida) e Ángela Rodríguez (Podemos) defenderan a necesidade dunha portavocía coral en En Marea, Noriega pediu "ir por partes", "antes configurar o consello" e "logo tomar as decisións correspondentes".

Sobre as tres candidaturas presentadas ao proceso interno de En Marea, Noriega valora "o esforzo que se fixo por alcanzar unha candidatura de consenso, polo menos unha postura en común das diferentes sensibilidades", e mostra o seu "máximo respecto" polo resto delas.

Para Noriega, o feito de que haxa tres candidaturas "pon de manifesto que non se está a actuar agora mesmo en En Marea baseándose nunha política de cotas", senón a través dunha "política que prima o proxecto no seu conxunto sen cotas partidarias".