Oito municipios máis en alerta vermella este mércores pola covid, entre eles Lugo, Pontevedra, A Estrada e Oleiros

Imaxe correspondente ao mapa do 21 de outubro que indica os novos casos confirmados por PCR no últimos sete días
SERGAS
Publicado: miércoles, 21 octubre 2020 12:18

   SANTIAGO DE COMPOSTELA, 21 Oct. (EUROPA PRESS) -

   O número de municipios galegos no nivel máximo de alerta, o tres, pola incidencia do coronavirus na última semana elevouse a 21, oito máis que o martes, ao activarse o aviso en Lugo, Pontevedra, Poio, Tui, Salvaterra, A Estrada, Mesía e Oleiros.

   Ademais, segundo consta no mapa 'semáforo' actualizado diariamente pola Consellería de Sanidade, continúan no nivel tres pola pandemia os concellos de Ourense, O Carballiño, O Barco, Verín, Santiago, Arteixo, A Laracha, Narón, Culleredo, Ordes, Ames, Vilagarcía de Arousa e Cangas do Morrazo.

   A entrada no nivel máximo de risco de todas estas localidades implica que detectaron máis de 21 casos de coronavirus no últimos sete días, fóra de Lugo e Pontevedra. Estas dúas, ao ter máis de 50.000 habitantes, están en alerta vermella por sumar máis de 112 contagios no caso da cidade da muralla, e máis de 96 na do Lérez.

   Mentres, en situación 2 --no nivel laranxa do mapa-- sitúanse 15 municipios, catro menos que o martes. Trátase de Ferrol, A Coruña, Carballo, Teo, Vilanova de Arousa, Lalín, Marín, Vigo, Nigrán, Gondomar, Mos, O Porriño, Barbadás, Boborás e Monforte de Lemos.

   En cor laranxa inclúense municipios de máis de 50.000 habitantes con 56 e 111 casos novos de COVID-19 á semana por 100.000 habitantes e nos de menor poboación que presenten entre 14 e 20 casos.