A valedora do Pobo, Milagros Otero, na Comisión de Peticións
EUROPA PRESS - Archivo
Publicado: martes, 23 julio 2019 17:59

   SANTIAGO DE COMPOSTELA, 23 Jul. (EUROPA PRESS) -

   O Boletín Oficial do Parlamento de Galicia declarou vacante o posto de valedor do Pobo despois da dimisión presentada pola até agora titular do cargo, Milagros Otero, que rexistrou a súa renuncia oficial na mañá deste martes.

   Deste xeito, horas despois da entrada do escrito de Otero no rexistro da Cámara, o presidente do Lexislativo, Miguel Ángel Santalices, fai efectiva a renuncia de Otero, que se produce case catro meses despois do fallo do Tribunal Supremo que ratificou a nulidade do nomeamento na institución dunha sobriña de Manuel Fraga e irmá do portavoz parlamentario do PPdeG.

   Unha vez declarada a vacante no cargo de valedor do Pobo, a lei do Alto Comisionado do Parlamento de Galicia contempla que debe iniciarse, nun prazo non superior a un mes, o procedemento para a elección un novo valedor.

   En concreto, debe ser a comisión de peticións a que efectúe unha proposta para, a partir de aí, sexa debatida no Pleno da Cámara galega.

VALEDOR ADXUNTO

   Outro dos supostos que sinala a lei é que a Comisión de Peticións poida acordar por maioría simple, en tanto non se cubra a vacante, o desempeño das funcións do Valedor do Pobo polo seu adxunto, de forma interina. Así ocorreu após a dimisión de Benigno López, quen foi substituído polo vicevaledor Julio José Fernádez, que exerceu un tres anos o cargo de forma interina.

   Con todo, non se prevé que este caso se materialice, tendo en conta que, no seu primeiro escrito de renuncia, Milagros Otero vinculaba a súa renuncia a que os grupos acordasen a súa substitución e o do seu 'número dous' na institución, Pablo Cameselle (proposto polo PSdeG).

   Respecto diso, a propia institución, confirmou a Europa Press que, após a marcha de Otero, todos os trámites recaen polo momento no valedor adxunto pero simplemente a efectos "puramente administrativos".

Más noticias