A Policía dá por desmantelado un grupo dedicado á recepción e distrución de drogas en poboados marxinais

Operación geppeto contra a droga en poboados marxinais de Galicia
POLICÍA NACIONAL
Actualizado: viernes, 15 febrero 2019 16:16

Foron detidas nove persoas e realizados cinco rexistros no Vao, Vilaboa, Poio e Sanxenxo

   PONTEVEDRA, 15 Feb. (EUROPA PRESS) -

   Axentes da Policía Nacional e a Axencia Tributaria desarticularon un grupo criminal "especialmente activo", destacaron, que se dedicaba á recepción e distribución de sustancia estupefaciente nos poboados marxinais de Galicia. No operativo foron detidas nove persoas e realizáronse cinco rexistros domiciliarios en varias localidades pontevedresas.

   Segundo informou a Policía Nacional, a operación, denominada 'Gepetto', foi desenvolvida polas unidades de droga e crime organizado (Udyco) e a unidade de tráfico medio da Policía Nacional de Pontevedra.

   A investigación iniciouse hai uns meses cando os axentes policiais detectaron unha compra de haxix no Campo de Xibraltar por parte dun individuo afincado na zona de Sanxenxo para a súa posterior venda en Galicia.

   Este home mantiña unha gran vinculación cun distribuidor de heroína no poboado do Vao en Pontevedra. "Grazas ás pescudas dos axentes este individuo foi detido o pasado sábado cando circulaba co seu vehículo e incautáronlle un quilo de cocaína", destacaron as mesmas fontes policiais.

   Así, coa súa detención "desencadeouse o inicio da operación Gepetto", asegura a Policía. Os axentes policiais efectuaron cinco rexistros domiciliarios en diferentes localidades de Pontevedra; no poboado do Vao, Vilaboa, Poio e Sanxenxo.

DROGA INTERVIDA

   Nestes rexistros foron incautados 1.072 gramos de heroína, 1.073 gramos de cocaína, 12.072 gramos de haxix e 1.295 gramos de sustancia de corte, concretou a Policía Nacional.

   Para o desenvolvemento do dispositivo a Policía indicou que se contou co apoio de varias unidades, entre elas os GOES (Grupo de Operacións Especiais), UIP, Guías Caninos, servizo de helicóptero e o GOR da comisaría de Pontevedra.

   Os detidos foron postos este venres a disposición do Xulgado de Instrución número 3 de Cangas.