Pontón (BNG) critica que o PSdeG "queira limitar o pluralismo político" ao propor un debate Feijóo-Caballero

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, en rolda de prensa.
BNG
Publicado: viernes, 14 febrero 2020 12:50

   SANTIAGO DE COMPOSTELA, 14 Feb. (EUROPA PRESS) -

   A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, criticou este venres a proposta do PSdeG de que haxa unha cara a cara entre o seu secretario xeral, Gonzalo Caballero, e o presidente da Xunta e do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo. "Creo que mal empezamos a campaña querendo limitar o pluralismo político nos debates", dixo.

   Nun almorzo informativo con medios de comunicación no que tamén participaron o deputado do Bloque no Congreso, Néstor Rego, e a coordinadora da Executiva Nacional, Goretti Sanmartín, Pontón apelou á "sensatez" e reivindicou que é "tan candidata á Presidencia da Xunta como outros representantes doutras forzas políticas". "Con esa mesma lóxica eu podería dicir: por que non unha cara a cara entre Ana Pontón e Feijóo?", preguntouse.

   Neste contexto, pediu que un eventual debate na Televisión de Galicia (TVG) sexa "plural" e que non repita "o bochorno" ocorrido na campaña das eleccións xerais do 2019 "con debates ás 10,00 da mañá, clandestinos, que foron unha vergoña".

   Ademais, Ana Pontón volveu a denunciar que o adianto electoral na Comunidade galega para o 5 de abril, día no que tamén os vascos acudirán ás urnas, "demostra que Feijóo non ten palabra" despois das veces que dixera que acabaría a lexislatura e que "non había razóns" para convocar uns comicios. "El o que fixo foi sumarse á convocatoria de (Iñigo) Urkullu e de certa forma o que fixo foi desprezar o autogoberno de Galiza", engadiu.

   Así, enmarcou a decisión de chamar ás urnas antes do previsto a que o popular "sabe que o seu tempo político acabouse e está desesperado pensando que un adianto electoral pode salvar o seu Goberno".