Pontón defende que votar ao BNG ten "premio extra": "Defender Galicia e frear á dereita rancia"

28A.- Pontón (BNG) Defende Que Votar Ao BNG Ten "Premio Extra": "Defender Galicia E Frear Á dereita Rancia"
BNG
Publicado: sábado, 20 abril 2019 14:29

   SANTIAGO DE COMPOSTELA, 20 Abr. (EUROPA PRESS) -

   A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, apelou aos indecisos para que o 28 de abril opten pola formación nacionalista, porque a papeleta do Bloque ten "un premio extra", ao "garantir" a defensa de Galicia e frear a entrada da "dereita carca", "rancia e "antigallega" que representa "Vox e Cs".

   Consciente de que o BNG disputará escanos na Coruña e Pontevedra con estas dúas formacións, Ana Pontón reiterou que "non fai falta ser nacionalista" para votar ao Bloque "senón querer un futuro mellor para este país".

   "O 28Aos e as galegas temos a oportunidade de ser decisivos cun voto que ten un premio extra, porque co voto ao BNG defendemos Galicia, defendemos dereitos sociais, liberdades públicas e democracia pero tamén se impide que haxa nin un só escano da derechona rancia, machista e antigallega, á que lle estamos disputando escanos non só na Coruña senón tamén en Pontevedra, a esa dereita que representan Vox e Cs", argumentou.

   Nun acto celebrado na Coruña, Pontón, ante a porcentaxe moi alta de voto aínda sen decidirse, dirixiuse aos indecisos que "teñen preocupación e non saben aínda a quen votar", aos que lembrou que para optar polo Bloque non fai falta ser nacionalista.

   "O único que se necesita é levar Galicia na cabeza e no corazón, querer que este país teña un futuro mellor e acabar cun trato discriminatorio que nos impide saír adiante e ter un futuro máis esperanzador", resaltou.

   No entanto, a portavoz do BNG non quixo entrar a valorar as enquisas, nin as que lle "gustan menos", nin as que lle "gustan máis", máis aló de que confirmen "un BNG en remontada" que vai "ser a sorpresa destas eleccións".

PORTO DA CORUÑA, "DISCRIMINACIÓN DO ESTADO DE MANUAL"

   Na Coruña, nun acto no porto xunto co candidato ao Congreso pola provincia Néstor Rego, Ana Pontón puxo á dársena da cidade herculina como un exemplo de discriminación das forzas estatais.

   "A situación dos terreos interiores do porto e o financiamento de Punta Langosteira é un exemplo de manual da discriminación do Estado e do inútil que resulta ter deputados que en lugar de defender os intereses dos e das galegas están para facer o que mandan os seus xefes de Madrid", denunciou, após criticar que o Estado investise nos portos de Xixón, Valencia, Barcelona e Bilbao máis de 5.000 millóns.

   Neste sentido, cuestionou "por que razón non hai o mesmo compromiso coa Coruña" e "aquí se pretende vender uns terreos que son da cidade e que deben volver a mans da cidade, cando cesan os usos portuarios", explicou.

   "O compromiso do BNG é claro: condicionaremos o goberno do Estado a que financie Punta Langosteira e que os terreos do porto interior sexan devoltos á cidade", resumiu.

   Pola súa banda, Néstor Rego fixo explícito o seu compromiso para facer valer as demandas da Coruña a partir do 28 de abril nun Congreso que se prevé sen maiorías absolutas.

   "Que se atendan as principais reclamacións da cidade basicamente en tres aspectos. A condonación da débeda de Punta Langosteira finiquitando a discriminación con respecto ao porto de Valencia, dotación e execución orzamentaria dos 140 millóns de euros necesarios para a conexión co porto exterior que lle dá operatividade e competitividade e, en terceiro lugar, que os terreos do porto interior sexan devoltos á cidade da Coruña", asegurou.

   Rego tamén destacou a aposta dun BNG por ser decisivo no Estado para conseguir a transferencia dos portos, "porque ninguén mellor" que o Bloque para saber "cales son os problemas e cales as solucións", xa que "ninguén nun despacho na Castellana vai coñecer mellor o porto da Coruña, as súas necesidades e usos que os galegos e as galegas desde o país", concluíu.