O PPdeG celebra os datos do paro e a oposición alerta de "precariedade"

Actualizado: martes, 3 marzo 2015 18:49

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 3 Mar. (EUROPA PRESS) -

O voceiro parlamentario do PPdeG, Pedro Puy, sinalou que a baixada do paro coñecida este martes é "un dato máis que "apunta na liña da recuperación da economía". En fronte, PSdeG, AGE, BNG e o Grupo Mixto cuestionaron esta afirmación e alertaron sobre a "precariedade" laboral.

Na súa comparecencia ante os medios tras a xunta de voceiros, Puy Fraga formulou que "se pode ver a botella medio chea ou medio baleira" pero puntualizou que este é "o maior descenso" do paro nun mes de febreiro "dende hai 14 anos".

Así mesmo, o dirixente popular puxo o foco no aumento da contratación indefinida e en que o descenso interanual do desemprego en Galicia é case dous puntos superior á media estatal.

Con todo, dixo que espera que a "recuperación" económica "colla máis ritmo", co fin de que a baixada do paro poida ser "consistente coas demandas dunha sociedade que non pode manter durante moito tempo" a taxa actual.

Pola súa banda, dende filas socialistas, José Luis Méndez Romeu sinalou que son os mellores datos de febreiro "dende hai tempo" pero advertiu do "afastamento" da media española. Tamén expresou a súa "preocupación" por que a taxa de cobertura a desempregados baixou o 53 por cento. "Practicamente a metade das persoas en paro xa non percibe prestación", sinalou.

"PRECARIEDADE"

Outro extremo do que advertiu é que "a este ritmo" se tardarán "moitos anos" para volver ao nivel en que estaba Galicia en 2009, tanto de persoas cun posto de traballo coma de retribucións e nivel salarial, para ilustrar así a "precariedade" existente.

Para a vicevoceiro de AGE, Yolanda Díaz, a mellora nos datos é "absolutamente irrelevante", ao tempo que deixa o descuberto "un modelo de relacións laborais en auténtica destrución". "Poñelo en positivo é estar a vivir en Monte Pío", remachou.

De igual forma, falou da "precariedade" existente, visto tamén o nivel de desprotección e de recorte das prestacións", e considerou que o equipo da Consellería de Traballo "debería dimitir". "Non só non fai nada, senón que está a destruír o sistema público de emprego", sentenciou.

Tamén incidiu Francisco Jorquera (BNG) en que "o pouco emprego que está a crear, é precario", a base de "contratos lixo". E, tras valorar esta "leve baixada" tras "cinco meses consecutivos" de subas, fixo fincapé en que "todos os datos desmenten de forma categórica o discurso" do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, sobre que "Galicia está mellor preparada para saír da crise" que o resto do Estado.

"O noso país vai, por desgracia, manifestamente peor", lamentou, e Consuelo Martínez (Grupo Mixto) considerou os datos de paro acumulado "un auténtico engano", xa que "consideran que unha persoa cun contrato dun ou dous días" e cun soldo inferior ao salario mínimo interprofesional "ten traballo".