A primeira unidade das fragatas F-110 comezará a construírse en Navantia Ferrol "a comezos" de 2022

Archivo - Programa da fragata F-110
NAVANTIA - Archivo
Publicado: jueves, 22 julio 2021 18:07

   SANTIAGO DE COMPOSTELA, 22 Jul. (EUROPA PRESS) -

   A ministra de Facenda e Función Pública, María Jesús Montero, avanzou que a primeira unidade das fragatas F-110 comezará a constuirse en Navantia na ría de Ferrol a "comezos" de 2022.

   Así o afirmou este xoves durante o acto de firma do acordo entre Navantia, Iberdrola e Windar, valorado en 400 millóns, para que Fene fabrique cimentacións de parques de mariña eólica.

   Neste sentido, Montero valora o "traballo de adaptación que Navantia vén facendo nos últimos anos" a través da "diversificación das súas liñas de negocio", como é este convenio para Fene, que se complementará co que se executará das F-110 no outro estaleiro público da ría, o de Ferrol.

   De tal forma, as fragatas xerarán "uns 7.000 empregos entre directos e a industria auxiliar" na comarca de Ferrolterra.

   A ministra de Facenda resalta que a "intención" do Goberno é que a primeira unidade comece a fabricarse "a principios do ano que vén". Por iso, enviou aos sindicatos unha "mensaxe de tranquilidade no sentido de que a carga de traballo está garantida", a pesar de que nestes momentos as bancadas en nova construción están baleiras na factoría ferrolá.

   Explica que "nestes meses" están a realizarse "os traballos de adecuación do estaleiro" para a execución dese programa militar.

   Ademais, garante que "Navantia vai seguir asistindo a todos os concursos internacionais que se celebren porque este sector é importantísimo para o conxunto da economía".