O PSdeG pide a Almuiña que explique na Cámara o anuncio de creación e posterior supresión do pediatra de área

 Julio Torrado
Europa Press - Archivo
Actualizado: martes, 23 octubre 2018 21:08

   SANTIAGO DE COMPOSTELA, 23 Oct. (EUROPA PRESS) -

   O portavoz de Sanidade do Grupo Socialista, Julio Torrado, reclamou este martes ao conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, que acuda ao Parlamento a "explicar o que pasou, por que propuxo a creación do pediatra de área e que pasou para suprimir esta figura".

   Após coñecer a retirada da iniciativa, confirmou que os socialistas manterán a interpelación presentada nun primeiro momento para que informe desta "manobra".

   "Para unha vez que acerta, é cando rectifica", reflexionou, e apuntou que "non son formas" de tentar levar adiante unha reforma deste calado. "Por iso merecían un correctivo que agora teñen que aplicarse amargamente", esgrimiu.

   Así, censurou o "intento" do Executivo galego de "tratar de introducir unha reforma deste calado a través da lei de acompañamento sen consultalo, sen falalo con ninguén, a fume de carozo e tentando impola en contra dos usuarios e profesionais".

   "Era unha insensatez e unha evidencia da forma de traballar na Consellería: ás agachadas, de costas e sen dialogar con ninguén", resolveu.