Rueda avala que o PP aprobe en solitario que goberne a lista máis votada

El vicepresidente de la Xunta y secretario xeral del PPdeG, Alfonso Rueda
Foto: PPDEG/EUROPA PRESS
Actualizado: sábado, 26 julio 2014 15:22
av2" class="NormalTextoNoticia" itemprop="articleBody">

O número dous de Feijóo "confía" en Paula Prado, demanda instrucións "rigorosas" e que a Xustiza actúe con "canta máis celeridade, mellor" Garante que a redución de deputados verá a luz antes de fin de ano e vai "difícil" dialogar con Besteiro porque "sempre se pon de perfil"

   SANTIAGO DE COMPOSTELA, 26 Jul. (EUROPA PRESS) -

   O vicepresidente da Xunta e secretario xeral do PPdeG, Alfonso Rueda, urxe a que se aprobe a reforma electoral para que goberne a lista máis votada e avalaría que o seu partido impulsase en solitario a modificación que recentemente retomou o presidente do Goberno, Mariano Rajoy, se non se logra o "consenso" coa oposición.

   Nunha entrevista concedida a Europa Press e coa vista nas eleccións municipais do ano próximo, Rueda recordou que o PPdeG leva "moito tempo" con esta reivindicación e manifestou que "debería poñerse en marcha canto antes", se ben admite que os "tempos" para esta medida se marcan no ámbito estatal.

   En todo caso, manifestou que "espera" que frutifique antes de que finalice a actual lexislatura de Rajoy, antes de cargar contra os que "critican e denostan" a proposta dos populares co argumento de que detrás dela se esconde "interese electoral".

   "Eu tamén podería dicir que eles non queren por puro interese electoral", contrapuxo, para alegar que no actual contexto político a reforma permitiría que os cidadáns "sentan realmente que a súa participación a través do voto", sobre todo no ámbito local, ten "un efecto directo". "Non se me ocorre mellor fórmula", reflexionou.

   Como o seu xefe de filas, Alberto Núñez Feijóo, é partidario de que goberne sempre o máis votado. Así, garantiu que se nas próximas eleccións outro partido diferente ao seu alcanzase esta condición, os populares dirían "que é ao que lle corresponde gobernar".

"EXERCER A CONDICIÓN" DE MAIORÍA ABSOLUTA

   "E moito máis nunhas eleccións onde todo é tan directo como nas municipais", continuou, para expoñer que os populares non puideron gobernar concellos nos que quedaron moi poucos edís da maioría absoluta" porque os os seus rivais "se aliaron" para impedilo.

   Por iso, se a oposición mantén a súa negativa fronte á proposta de que goberne a lista máis votada, Rueda cre que o PP "si" debería impulsala igualmente en solitario. Ao seu entender, é preciso buscar o "máximo consenso" pero, se non é posible, os populares tampouco poden renunciar a dar este paso.

   "¡Tamén teremos dereito a exercer a nosa condición de lista máis votada e de maioría absoluta!", esgrimiu, antes de recordar que en Galicia, por exemplo, as forzas de arco parlamentario (PSdeG, AGE e BNG) tamén se opuxeron rotundamente á reforma electoral para reducir de 75 61 os deputados autonómicos.

   Feijóo marcárase o reto de que a devandita modificación estivese aprobada na Cámara autonómica no primeiro semestre de 2014, un extremo que finalmente non foi posible. Rueda xustificouno en parte porque "se"buscou negociar e chegar ao consenso", pero declarouse "convencido" de que antes de que remate o ano verá luz verde.

NOVO CURSO POLÍTICO

   Tras un xullo "intenso", con congresos locais e un mes de agosto que se prevé máis tranquilo a nivel orgánico, o secretario xeral do PPdeG avanza un arranque do novo curso político moi activo e recordou que a formación desexa empezar o outono "cos candidatos designados".

   Pero, ¿van estar todos os candidatos das cidades? "A Nosa intención é que se podemos estean todos porque necesitan uns meses para traballar", precisou Rueda, quen apelou a "engraxar a maquinaria" para as municipais, se ben hai concellos nas que "hai candidato" e, aínda que non estea "proclamado", xa "traballa como tal".

   En canto á posibilidade de que Rajoy escoite peticións como a de Rosa Díez (UPyD) relativas a unir as xerais coas municipais de 2015 para "aforrar moitos millóns", advertiu de que este "consello" non está vinculado ao "aforro" senón ao interese electoral. "E espero que Rajoy non tome decisións en función do interese electoral, nin sequera do noso,", manifestou.

"CONFÍA" EN PAULA PRADO

   Entre os retos cos que o PPdeG volverá en setembro a escena política está tamén a elección dun novo voceiro en substitución de Paula Prado, quen malia non estar imputada dimitiu tras verse implicada na 'Operación Pokémon'. Rueda cre que esta figura debe seguir funcionando".

   Malia a tardanza en designar un relevo para Prado, sentenciou que "canteira", e que os populares "acertarán" se o elixido está "á altura" do feito por Antonio Rodríguez Miranda e pola última voceiro, na que "confía". "E estou convencido de que tamén confía (en Prado) o partido no seu conxunto", apostilou.

   Con todo, sinalou que está de acordo coa súa decisión de dimitir porque sometida á lupa da 'Pokémon' "non podía seguir exercendo o seu papel". Igualmente, reafirmouse en que o PP "cumpre os Estatutos" do partido cos seus imputados e que o "criterio" á hora de decidir cesamentos depende de "cada situación" e da información sobre esta.

   "Nós somos coherentes; diciamos e mantemos que non é correcto que unha imputación leve consigo automaticamente un cesamento porque imputado non é igual a culpable. Pedíao o BNG e resulta que cando toca demostralo vemos que empezan a dicir que non son gilipollas, e parece que os demais o son porque teñen que aplicar o que eles non fan", advertiu.

   Dito isto, no ámbito xudicial, tras as queixas de Feijóo sobre as filtracións da 'Pokémon', Rueda afondou nesta queixa, antes de recordar que o único que piden os populares son "instrucións rigorosas" e que se actúe, "dentro dos prazos" regulados, "con canta máis celeridade, mellor".

    Por último, sobre a comisión de prevención da corrupción que traballa no Parlamento galego, eludiu avanzar conclusións porque o ditame lles corresponde presentalo "aos que participaron no órgano", pero suxeriu que as medidas deberían ir encamiñadas a unha "actitude preventiva" e tamén á "resposta rápida" fronte a prácticas irregulares "como remarcaron os relatores".

CONTRA O "SISTEMA DE CASTAS"

   Fronte aos casos de suposta corrupción que salpicaron o seu partido tanto en Galicia como no conxunto estatal, Rueda avogou por "clarificar o financiamento", aínda que constatou "avances" e evitou concretar qué novas medidas de control se poderían poñer en marcha nos partidos. "Habería que sentar e velo", reflexionou.

   Con todo, admitiu que é preciso recuperar a confianza dos cidadáns e considerou clave para logralo "a coherencia". Exemplificou coa xestión de Feijóo en Galicia e subliñou que, pese que tivo que tomar medidas "difíciles", os cidadáns o avalaron cos seus votos e reeditaron a súa maioría absoluta.

   "Creo que a coherencia fai recuperar moito crédito e manter o que tes", defendeu, antes de situar no polo oposto a quen, como Podemos, pretenden establecer "un sistema de castas" na política, cuestión que "non conduce a ningunha parte". De feito, malia o seu bo resultado nas europeas, confesou que lle preocupa "moitísimo máis" recuperar a confianza dos votantes do PP "que o que faga Podemos.

   Por último, sobre o liderado de José Ramón Gómez Besteiro á fronte do PSdeG, confesou que resulta "moi difícil" falar con el porque sempre "se pon de perfil" e "é complicado" coñecer a súa opinión sobre un asunto determinado. "Interesaríanos ter un interlocutor válido (no PSdeG) e que non se poña de perfil", aseverou.